20 de decembro de 2018

Actuación do club de lectura de Primaria no festival de nadal

O club de lectura de Primaria participou na celebración do festival de nadal. Para iso preparamos dúas obras:

Carta de Santa Claus de Mark Twain

A bruxa Befana, adaptación dunha lenda italiana sobre unha axudante-repartidora-substituta dos Reis Magos en Italia.

13 de decembro de 2018

Club de adultos: Memoria de cidades sen luz

Este mes a nosa lectura foi unha obra galardoada co premio Blanco Amor no 2007: Memoria de cidades sen luz de Inma López Silva. Esta obra, proposta por integrantes do noso club, resultou dunha grande produtividade. Valeu para reflexionar sobre o noso pasado, sobre as estruturas familiares e os seus cambios no último século, sobre as mulleres, as violencias,...

En fin, unha grande obra para o parecer de boa parte dos adultos.

11 de decembro de 2018

Aplicación instantánea: lectura do club de ESO

Para este mes de decembro trouxemos ao club a obra Aplicación instantánea de Carlos Negro; o premio Jules Verne de 2018 é unha historia poética; é unha poesía que narra unha historia; son varias voces que contan; son varios puntos de vista sobre unha mesma situación; é unha multiperspectiva sobre a mocidade, sobre as mulleres novas, sobre as diferentes visións dunha mesma realidade. Se queredes gozar uns poucos minutos coa lectura... esta obra é a adecuada...

26 de novembro de 2018

Actos do club de lectura de ESO para o 25N

O Día contra a Violencia Machista celebrouse no noso centro este 26 de novembro (o 25N foi domingo).

O club de 3º ESO realizou un vídeo montando unha especie de curtametraxe que é unha adaptación libre do relato "Eva" da excepcional obra Invisibles, relatos do maltrato de Montse Fajardo

O club de 1º e 2º ESO preparou a súa versión libre dunha obra contra o maltrato.

16 de novembro de 2018

CLUB DE LECTORES ATREVIDOS: on fire

Ola!

Benvidos ao club de lectores atrevidos.

Este é o club que vai pretender potenciar a lectura no CPI Domingo Fontán focalizando as obras nos intereses e temáticas de lectores masculinos. A este club poderá asistir calquera alumna ou alumno da ESO do noso centro, pero as obras serán sempre propostas ou escollidas por homes.

Admitimos banda deseñada-cómic, obras de ciencia, matemáticas, deportes ou literatura de ficción; pero os límites porémolos nós dentro destes parámetros.

Os venres reunirémonos no recreo, isto é, de 12.15 a 12.40; e non vos preocupedes polas larpeiradas, poderemos tomar a merenda na reunión.

Os primeiros lectores atrevidos xa chegamos: somos Gabriel Lueiro e Marcos Ruibal.

Un saúdo

15 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS: Invisibles; relatos do maltrato

A obra escollida este mes polo club de lectura de adultos foi Invisibles, relatos do maltrato. 

Esta obra de Montse Fajardo é a seleccionada no mes que se celebra o Día contra a violencia machista: o 25 N.

Estes 7 relatos transpórtanos a un mundo no que imos comprendendo moito mellor a complexidade que se agocha detrás da violencia machista e o silencio que aparece nas vítimas: as voces femininas debullan con mestría como a ilusión e esperanzas iniciais depositadas no home amado se van transformando en desacougo, incomodidade e finalmente medo e pavor. A frecuente incredulidade e incomprensión da sociedade, mesmo dos máis achegados, tecen unha arañeira que conduce as vítimas a autoculpabilizarse e/ou autoocultarse, especialmente ao principio. Os difíciles pasos para saír desa situación, o apoio de amiga/os ou familiares que se van facendo conscientes da situación son chaves para acabar saíndo dunha situación que, por desgraza, nalgúns casos non teñen volta atrás.

Parabéns para Montse por trasladarnos ao mundo das vítimas reais. Porque si, non daban o perfil, pero acabaron sendo vítimas.

E si, está baseado en feitos reais.

Pero non por iso é mellor. O mellor sería que non tivese acontecido. Pero xa que pasou, sigamos a tomar conciencia grazas a este marabilloso libro.


6 de novembro de 2018

Clubs de ESO: oS oLLoS dO tANGALEIRÓN

A reedición dun "clásico" da literatura xuvenil galega levounos a escoller esta obra como a primeira para ler este curso.
Os ollos do Tangaleirón é unha obra que envellece ben. Transpórtanos a unha época na que aínda se podía crer en seres míticos galegos que están emparentados con outros seres semellantes de outras partes do mundo, pero este é noso, é o noso, e Neira Cruz convídanos a coñecelo un pouco, a enxergalo, a degustalo.

En norteamérica terían feito unha serie con el. O libro lese ben. Lévanos tamén a ver o despoboamento das zonas de Alta Montaña galega. Como a vida alí seguía a perder xente pero como era o lugar no que aínda se podían recuperar tradicións.

Perder o noso podo ser evitable. Por iso, a literatura, unha vez máis, convídanos a viaxar ao mundo das nosas crenzas, dos nosos seres, da nosa mitoloxía e da nosa imaxinación. É unha obra moi digna que estivo sen reeditar moitos anos. Unha boa nova que volvese.

31 de outubro de 2018

A momia: Actuación de 5º de Primaria

Este mes de outubro estivemos a ensaiar unha obra que preparou o club de 5º de primaria para o Samaín:

A obra titulouse "A momia", baseada na obra homónima.

Personaxes e intérpretes de 5º de Primaria:

As momias: Marta e Brisa

Enfermeira/os: Nerea e Ánxelo

Vixiantes do museo: Déborah e Sofía

Serpe: Iker

León: Xián

Narrador: Aitor

Taxista: Sofía

Vella: Déborah

Vampiresa: Anaís

As obras representámolas o mércores 31de outubro en catro actuacións para primaria: 1º-2º, infantil, 3º-4º e 5º-6º

15 de outubro de 2018

CLUB DE LECTURA 2018-2019

oLA!

Benvidas e benvidos ao curso 2018-2019. O club de lectura As Portadas xa está en marcha. Para este curso contaremos coas seguintes seccións organizadas por preferencias:

Club de lectura de 5º de Primaria

Club de lectura de 6º de Primaria

Club de lectura de1º-2º de ESO

Club de lectura de 3º-4º de ESO

Club de lectura de adultos

Club de lectores atrevidos

Esperamos que as actividades que fagamos ao longo do curso sexan do agrado de todas e todos

14 de maio de 2018

Actuacións nos actos das Letras Galegas


Un ano máis, a colaboración do club de lectura co EDLG foi intensa. Así, nos actos das Letras Galegas este luns 14 de maio pola tarde, o club de 2º de ESO encargouse de presentar os actos e preparar boa parte das actuacións. Unha parte do club de primaria tamén preparou os dous primeiros actos da vida de María Victoria Moreno.








As presentadoras do acto foron dúas integrantes do club de 2º ESO e os 7 actos nos que dividimos a vida de María Victoria Moreno foron representados polo club; o Acto 1 e 2 por alumnado do club de 5º e do acto 3 ao 7 por alumnado de 2º ESO.










Ademais, algunhas das integrantes do club tamén foron finalistas nas súas categorías do concurso de microtextos Terras do Umia, polo que recibiron un agasallo. As persoas premiadas do club foron: Nerea Bretal, Alberto Caamaño e Alexia Santos de ESO e Sara Barreiro, Sabela Villanueva e Lucía Piñeiro de primaria. Lucía Piñeiro tamén realizou o monólogo co que gañou a I edición do Concurso Contaumia da Coordinadora comarcal na categoría de primaria.

PARABÉNS a todas as premiadas do noso club


4 de maio de 2018

Premio para unha integrante do club no Contaumia da Festa da Lingua


Este venres 4 de maio celebrouse o IX Festa da Lingua da coordinadora comarcal de EDLG Terras do Umia.


O acto celebrouse en Portas e xunto cos habituais concursos literarios e musicais este ano houbo unha primeira edición dun concurso oral: o CONTAUMIA.



Desde esta páxina queremos felicitar á integrante do club de lectura de 5º de Primaria:

Lucía Piñeiro Pérez

Gañadora da I edición do Contaumia


PARABÉNS de todo o club de lectura

6 de abril de 2018

De remate, de Héctor Cajaraville



O escritor Héctor Cajaraville estivo no noso centro o 6 de abril para falar da súa obra ao alumnado do noso centro.


En concreto falou de Quen dá a quenda? para o alumnado de 1º e 2º ESO.


A obra sobre a que reflexionou con 3º e 4º foi A caixiña dos rancores



Todas estas obras foran lidas previamente polo alumnado do centro xa que o Departamento de Lingua Galega programounas como lecturas na súa programación.

Pareceunos boa idea completar a visita do autor cunha obra proposta para análise e debate do club de adultos: De remate

23 de marzo de 2018

Día da Muller polo club de ESO


Non hai Día da Muller, mellor dito, non debería habelo. Iso significaría que a outra parte do xénero humano non ten que reivindicar os dereitos que debería ter sen distinción por ser da mesma especie.

Tampou debía ser só un Día. Porque o Día da Muller ten que ser todos os días. Igual que o dos homes. Pero como a situación non é igual, temos unha xornada para resaltar, para lembrar, para reivindicar que a muller non está en igualdade de condicións e debería estalo.

O Día da Muller é o 8 de marzo. Pero no noso centro quixemos concentrar os actos deste mes de marzo nunha única xornada. E así, como adiamos para o 23 o Día de Rosalía, tamén adiamos o Día da Muller para esa data. E nada mellor que iso. Porque Rosalía foi unha pioneira, unha precursora, unha protofeminista:


Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller;
pois eu que non as canto, Virxe da Paloma,
Ai! de que a terei?
                        Rosalía de Castro

Rosalía non respondía ao estereotipo de muller para a época; ela mesma se cuestionaba que se unha muller se sae do que se espera dela vai ser criticada. Pero esas son as que cambian o mundo, as que fan pensar, as que conseguen cousas.

Así, o alumnado de 2º ESO preparou unha obra de denuncia sobre a situación da muller; o control, o machismo, a violencia que se exerce sobre ela é denunciada e ao final provócase un conflito para saír desa situación.

O alumnado de toda a ESO foi convidado a reflexionar sobre o que lle acontece á muller na sociedade e como pode saír desa situación. Un ano máis seguimos no club facendo pensar, aínda que só sexa un chisco, un día, pero poñemos o noso gran de area...

Día de Rosalía polo club de ESO



O club de lectura tivo un especial protagonismo na celebración do Día de Rosalía en colaboración co EDLG.





O Día de Rosalía (sábado 24 de febreiro) aprazouse case un mes, en concreto celebrámolo o venres 23 de marzo. O motivo foi facelo coincidir co Día da Muller (que tamén o adiamos para esa data)

Os actos que realizamos para homenaxear a Rosalía consistiron no seguinte recital-dramatización:

.-Tecín soia a miña tea

-A xusticia pola man

-Adiós ríos, adiós fontes (con acompañamento musical)

-"A Rosalía" (de Manuel Curros Enríquez)


O alumnado que se encargou foi o de 1º ESO

30 de xaneiro de 2018

Día da paz do club de Primaria





Este mes de xaneiro o club de lectura de Primaria estivemos preparando tres relatos relacionados coa paz. As obras que preparamos foron as seguintes: A pomba da paz, o premio da paz e Os dous monstros.







A pomba da paz foi a única das tres obras que lemos dramatizadamente para Educación Infantil (sempre coa pretensión de non saturar de historias aos máis pequenos).  Para 1º de Primaria ademais desta obra tamén representamos Os dous monstros. Para os demais cursos fixemos lecturas dramatizadas das tres obras.


A sesión discorreu na biblioteca durante a tarde deste martes 30 de xaneiro (agás para Educación Infantil que nos achegamos á súa aula). Ademais de ler as obras falamos brevemente con cada grupo que nos visitou para valorar as obras e ir un pouco máis alá da simple representación e ir ao fondo da mensaxe que intentan transmitir. Destaca a expectación que provocaron as obras e os comentarios que xeraron. Esa era a nosa pretensión.








Integrantes das lecturas dramatizadas

O premio da paz

Nuria
Sara
Bianca















A pomba da paz

Katy
Carla Diz
Laura
Noa
Natalia
Nerea
Aroa


Os dous monstros
Sabela
Carla Ocampo
Lucía

Día da paz do club de ESO

Este martes 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. O club de lectura de secundaria quíxose sumar a este acto coa representación de 3 obras diferentes para os diferentes grupos de ESO.







Nas obras tratáronse temáticas como a violencia de xénero ou a discrimación para reflexionar sobre unhas problemáticas ás que finalmente se lles pon solución nas dramatizacións.

O club de lectura de Primeiro de ESO dividiuse en tres grupos que foron rotando por tres escenarios diferentes onde agaradaban 3 grupos de alumnado pertencentes a cursos distintos. Polo tanto, íanse simultaneando as obras e aparecendo diante dos grupos que estaban na biblioteca, na aula usos múltiples (4B) e na sala de audiovisuais (aula de idiomas na actualidade).


Durante unha hora estivemos representando diferentes actos que queremos que non se repitan. As solucións propostas aos conflitos esperamos que axuden á erradicación da violencia e do machismo imperantes na nosa sociedade e que nos axuden a repudiar actos discriminatorios, non só no Día da Paz senón todo o tempo.

11 de xaneiro de 2018

Club de lectura de adultos: Enderezo descoñecido nos seus 80 anos

A autora Katherine Kressmann publicou no ano 1938 unha obra clave que avanzaba os perigos que traía consigo o ascenso do nazismo ao poder en Alemaña. Aínda non estoupara a II Grande Guerra ou Guerra Mundial, aínda no comezara o holocausto masivo dos nazis pero xa se advertía o racismo, a xenofobia, o rancor e a discriminación que se estaban a crear baixo o poder de Adolf Hitler.

O club de lectura de adultos escollemos esta obra para homenaxear esta publicación no seu oitenta aniversario. Debido ao tema que trataba, o seu editor considerou que era mellor publicar a obra desta escritora baixo un pseudónimo que parecía masculino, comezando o nome polo apelido da escritora: Kressmann Taylor.

Esta obra destaca pola súa técnica narrativa, polos personaxes que eran socios e amigos e que a distancia entre California e Alemaña vai separando non xa fisicamente senón politica, ideoloxica e humanamente. A obra resulta de lectura áxil e marca unha advertencia do perigo que supoñía un rexime que denunciarán outras obras mestras do cinema como O gran dictador de Charles Chaplin dous anos despois.

Sen desvelar detalles da obra, cabe destacar que Enderezo descoñecido presenta un final sorprendente, á vez que intelixente. Cualificamos a mestría desta obra como un sobrasaliente pola denuncia, pedimento de xustiza e resaltación de valores humanos que presenta. Consideramos que é unha obra moi reconmedable para revisar temáticas como xustiza, igualdade, contra o racismo e xenofobia.