25 de marzo de 2015

Publicación escrita de ditos e proverbios mundiais sobre a paz

A selección de ditos e proverbios de diferentes partes do mundo sobre paz, prevención de conflitos e non violencia que fixemos para  a súa lectura pública no Día escolar da paz levounos a facer unha montaxe unindo os ditos con imaxes relacionadas coas culturas das que proveñen eses proverbios. As obras colocaranse nas aulas dos últimos cursos de primaria, nas da ESO e na biblioteca.

Club de adultos: Herba moura

Unha obra de Teresa Moure foi o libro que finalmente adoptou o club de lectura de adultos para ler este mes. A obra, que comentamos parcialmente no WhattsApp, é Herba moura.
As razóns da elección estribaron en ser unha obra que fai unha achega a un país escandinavo, aos Países Baixos (Holanda) e chega finalmente a Galicia, todo isto tecendo unha historia que arrinca no século XVII e chega aos nosos días. Cultura, mundo, historia e literatura galega todo xunto son boas razóns para escoller esta obra para os maiores do noso club.

Reunións do club de lectura

No mes de abril volveremos ás reunións habituais no club de lectura.

En Primaria farémolas o luns no recreo de 12,15 a 12,35 (e pode que algún mércores nese mesmo horario)

Na ESO volveremos ás reunións semanais os martes de 14,20 a 15,05

Lecturas do club de Primaria para o Día do Libro

No club de de lectura de Primaria estivemos a facer lecturas na rede para buscar as máis axeitadas para o Día do libro. Así, estivemos buscando contos e lendas do mundo para escoller as máis que nos gusten para os actos de lectura pública que fagamos no centro en abril.

24 de marzo de 2015

A obra do mes de abril: O carteiro de Bagdad

No mes de abril imos colocar como obra de lectura a obra dun escritor recorrente ultimamente no noso club: Marcos Calveiro. O feito de que o autor viaxe a través do mundo para ambientar as súas historias fai que sexa moi adaptable para o proxecto da biblioteca deste ano: Culturas do mundo. Se con el fomos a África xa, agora iremos a Asia en O carteiro de Bagdad

Opinións sobre o libro deste mes

O libro deste mes era El brazalete mágico. A obra trata dunha rapaza que vive en Madrid e vai a Atenas de vacacións xunto ao pai. Un día, perdida pola cidade, entrou nunha tenda de antigüidades para mercarlle un agasallo a seu pai; co seu colgante abriu un cofre que contiña un brazalete co que o tendeiro a agasallou. Unha vez que o colocou no seu brazo, o brazalete non volveu a separarse e comezou a ter mareos e ver visións sobre unha rapaza chamada Elisa de tempos pasados. Na cidade coñeceu a un rapaza da rúa chamado Nico. Con el viviu grandes aventuras nas que se insire no templo de Atenea conseguindo así o tesouro mellor agachado da humanidade. (A espada de Alexandre O Magno). Así que unha vez no seu poder debería devolverlla á súa lexítima portadora, Elisa, a filla de Alexandre. Percorren os mundos de ultratumba clásicos ata chegar ao Elíseo, onde coñecen a Elisa, quen recibe a espada e se sente agradecida con Lara, a protagonista. Elisa libera a Lara do brazalete indicándolle que era ela a elixida para facer esa tarefa
A Gorís pareceulle un libro moi interesante, cargado de acción e cun final moi bonito e emotivo. Segundo Celeste, Natalia, Juan e Josiño o libro resulta interesante e entretido.

Rocío Rueda é a xove escritora palentina autora desta obra.

6 de marzo de 2015

Día da muller no club de Primaria

O vindeiro domingo 8 de marzo é o Día da Muller. Mais no club de primaria, onde somos maioritariamente mulleres, estivemos traballando no mes de febreiro sobre este tema. En concreto, fixemos unha investigación sobre mulleres escritoras, filósofas, artistas e pensadoras que loitaron polos dereitos da muller co seu pensamento e cos seus actos.


Cada unha de nós foi unha muller escritora e pensadora ao redor do mundo; para presentarnos mellor fixemos un cartel cunha foto, datos vitais básicos e unha frase célebre sobre o mundo da muller. Estas somos nós:



Rosalía de Castro
Concepción Arenal
Emilia Pardo Bazán
Carmen Karr
Clara Campoamor
Mary Wollstonecraft
Flora Tristán
Elizabeth Cady Stanton
Lucy Stone
Virginia Woolf
Susan B. Anthony
Simone de Beauvoir
Alice Walker
Judith Butler

3 de marzo de 2015

Libro do mes: El brazalete mágico

Para este mes de marzo acordamos ler El brazalete mágico, obra de Rocío Rueda. O vindeiro 24 de marzo comentaremos esta obra no club.

Reunións do club de Primaria

O club de Primaria reunirase habitualmente os luns no recreo da mañá (12.15-12.35). Este mércores día 4 de marzo tamén nos reuniremos para rematar as actividades para o Día da Muller

Reunións de marzo do club de ESO

Durante o mes de marzo veremeos reducido o número de reunións do club de lectura. Á parte da reunión de hoxe martes, día 3, volverémonos reunir o martes 24 para que quede máis tempo para a preparación de exames.