8 de marzo de 2024

8M co club de Primaria



 O noso club máis activo este curso está a ser o de 5º de Primaria. En todos os eventos do centro queren participar e, máis unha vez, mostráronse con dispoñibilidade e voluntariedade para participar nos actos do 8M do centro, protagonizando unha base importante do Día da Muller.

Nesta ocasión decidimos facer unha pesquisa sobre as problemáticas que afectan ás mulleres hoxe en día e escollemos tres situacións que supoñen unha carga mental para elas na maioría dos casos. A partir desa proposta dividímonos en tres grupos e representamos esas conxunturas.


Así, os sucesos escollidos foron os seguintes: 1) levar as crianzas ao médico; 2) acudir ás titorías do centro educativo; 3) encargarse de tarefas da casa como a compra. Nestes casos, aínda que algúns homes se implican máis hoxe en día, segue habendo unha clara sobrecarga nas responsabilidades familiares para as mulleres e, maioritariamente séguense a encargar destes feitos.

En conclusión, procuramos representar situacións nas que as mulleres se implican máis e nas que reclaman máis axuda das parellas, onde finalmente os homes acaban recoñecendo a complexidade desas tarefas e a necesidade dunha maior implicación.

E así, no 8M, seguimos avanzando para conseguir maior igualdade.

5 de marzo de 2024

Club adulto no 8M: Montse Fajardo

Con motivo do 8M programamos unha serie de actos con Montse Fajardo. Así, preparamos unha charla para o alumnado de 3º e 4º de ESO no que se falaba dos terribles actos machistas que se contaban no libro Invisibles e que recollen feitos reais que aconteceron no noso país.

Ese libro, de lectura tamén para o club de adultos, supuxo tamén unha quedada coa escritora para falar da obra, da súa escrita, da súa xénese e, en xeral, das súas impresións sobre a concepción da obra e da recepción destes casos na sociedade... O encontro produciuse o 5 de marzo, día da charla no centro

Así, puidemos averiguar que foi unha obra xurdida da suxestión de compañeiras que lle indicaron que tiña que facer unha obra falando da represión á muller pero na actualidade; Montse comentounos que fora de escrita rápida (uns 7 meses) e resultou moi esclarecedor falar coas vítimas xa que puido constatar como algunhas das agraviadas, mulleres aparentemente "fortes", resultaron agredidas física e mentalmente.

Como conclusión, falamos de que a culpa é do agresor machista e que o perfil da agredida, como tal, non existe, xa que resultaron ser mulleres moi diversas, mesmo en idade. Polo tanto, a agresión pode pasarlle a calquera e o de "a min non me pasa" ou "á primeira devólvolla" non resulta tan doado e a solución segue estando en educar, evitando primeiro que o machismo se exapanda e aconsellando ás mulleres que ante calquera signo de alarma se alonxen...

Agradecemos moito o agradable encontro que mantivemos con ela e asumimos como propio o discurso de NON ás agresións machistas de calquera tipo