4 de novembro de 2014

Reunións do club de lectura de Primaria

O club de lectura de Primaria realizará as súas reunións do mes de novembro no horario habitual programado para o curso: mércores de 12,15 a 12,35.

O luns 10 de novembro e o martes 11 quedaremos de 15,05 a 15,45 para ver os films de medo que o resto das clases visionaron mentres estabamos nos contacontos.

As reunións de 12,15 a 12,35 de luns e martes para 5º e mércores e xoves para 3º e 4º só eran no mes de outubro para ensaiar as obras do Samaín.

Reunións do club de Secundaria

Conforme ao establecido na programación, este mes de novembro o club de ESO reunirase os martes de 14,20 horas a 15,05

A obra de lectura para este mes será Irmán do vento de Manuel Lourenzo, para achegarnos a outras culturas a través da literatura galega.

30 de outubro de 2014

Club de lectura de Secundaria no Samaín

Este curso comezamos as actividades do club de lectura preparando dous contos de medo para o Samaín.

En colaboración cos departamentos de inglés e galego narramos as historias parágrafo a parágrafo e dramatizámolas ao mesmo tempo.

A primeira obra representada foi "Mármore de tamaño natural", adaptada á representación en inglés e galego. Personaxes:


-NARRADORAS en inglés: Marta Maquieira (2º) e Julia Pérez (3º)
-NARRADORA en galego: Celeste Barros (2º)

-PROTAGONISTA en inglés: Lorenzo Barreiro (3º)
-PROTAGONISTA en galego: Pablo Laguarta (3º)

-LAURA, MULLER DO PROTAGONISTA en inglés: Sara Vázquez (3º)
-LAURA, MULLER DO PROTAGONISTA en galego: Amanda Riis (3º)

-SRA. MARUXA en inglés: Mallaury Fontán (3º)
-SRA. MARUXA en galego: Erika Mouriño (3º)

-MÉDICO en inglés: Natalia Fachado (2º)
-MÉDICO en galego: Alex Piñeiro (3º)

ESTATUAS: Sara Abraldes (1º) e Juan José Dorado (2º)

A segunda historia foi "A man fría" onde interactuamos co público facéndolles sentir cos ollos tapados o que percibirían os narradores (de inglés e galego), unha man fría que lle tocaba distintas partes do corpo.

NARRADOR en inglés: Gorís (2º)
NARRADOR en galego: Miguel Romero (2º)

A man fría que lle tocaba ao público levábana o resto dos integrantes do club e María Andreína (2º) que quedou sen papel na outra historia pero que axudou a caracterizar a obra.
 

Club de lectura de Primaria no Samaín

O club de lectura de Primaria no Samaín representou dúas obras:

O club de lectura de 3º e 4º interpretou Quen lle ten medo ao bruxo? adaptación da obra Quen lle ten medo á bruxa?.




NARRADORA: María Goldar (4º)

NENO: Xabier García (3º)

BRUXO MAIOR: Denis Amor (3º)

BRUXA 1: Lucía Méndez (4º)


BRUXA 2: Uxía Carreira (4º)

BRUXA 3: Lorena Carreira (4º)

BRUXA 4: Vanesa Ambroa (3º)



O club de lectura de 5º dramatizou a obra os Sacamedos, adaptación da excelente obra os Sacapenas, que reproduce unha tradición americana para axudar a quitar as penas/medos ás rapazas e rapaces. Colaborou con 5º un alumno de 4º, Félix, para facer o papel de pai da protagonista.

NARRADORA: Nerea Bretal

NENA: Andrea López (5º)

PAI: Félix A. Cancela (4º)

NAI: Sheila Cores (5º)

AVOA: Alexia Santos (5º)

MEIGAS: Paula Estévez (5º), Ángeles Gándara (5º), Nayara Vázquez (5º)

VAMPIRESAS: Blanca Arís (5º) e Antía García (5º)

LOBISMULLER: Lorena García (5º)

PANTASMAS: Alejandra Sánchez (5º)

ZOMBI: Lucía Piñeiro (5º)

(Mandámoslle un agarimos saúdo a Isabel Maquiera que se tivo que operar esta semana e que ía facer de fantasma)

Actividades para o Samaín do club de lectura As Portadas

O club de lectura protagonizou boa parte das actividades do Samaín no noso centro.
O club de lectura de primaria preparou dúas adaptacións
-3º e 4º de Primaria preparou Quen lle ten medo ao bruxo?
-5º de Primaria preparou os Sacamedos

En Secundaria preparáronse as seguintes obras: Mármore de tamaño natural e unha obra para interactuar co público, A man fría


Club de Lectura As Portadas 2014-2015

Ola!

Este curso 2014-2015 volvemos contar no CPI Domingo Fontán de Portas co club de lectura "As Portadas" que se vai dividir en tres grupos:

Club de Primaria (22 persoas), que imos subdividir en dous grupos:
-Club de 3º e 4º (9 persoas)
-Club de 5º (13 persoas)

Club de ESO (12 persoas)

Club de Adultos (9 persoas)

As actividades deste mes estiveron centradas na preparación do Samaín, ensaiando en Primaria co coordinador do club nos recreos de 12,15 a 12,35 luns e martes e con 5º mércores e xoves

No club de ESO ensaiamos os luns e martes no recreo de comedor (14,20 a 15,05) cos integrantes do club de adultos e profes do centro: Susana Simó (profe de inglés) e Xoán Constenla (profe de galego)

27 de maio de 2014

Non somos unha soa cousa: Somos diverxentes

A lectura deste mes fala das diferentes maneiras de ser e de como clasificar as persoas. Nun mundo futuro, na cidade de Chicago, clasifican en cinco categorías ás persoas. Aos 16 anos faise unha proba que determina a que grupo pertence cada unha: 1) Verdade, 2) Erudición, 3) Cordialidade, 4) Ousadía, 5) Abnegación. Tris, unha adolescente que fai a proba dá como resultado a pertenza a distintos grupos, é unha DIVERXENTE. Os diverxentes son perseguidos porque non encaixan perfectamente en ningún grupo, polo que deben ter coidado de non ser descubertos.
Nesta época de reformas educativas nas que a tod@s se nos quere facer pensar o mesmo, con probas que aseguren que todo é igual, uniforme, DIVERXENTE, resulta un desafío para os sistemas establecidos, onde se incita a pensar aos adolescentes na posibilidade de ser máis que unha cousa, de ser diversos, diferentes, e non por iso raros.

Divergent, a primeira novela de Veronica Roth publicouse en 2011; é a primeira parte dunha triloxía que continuou con Insurgent (2012) e Allegiant (2013). Conta, ademais, cunha versión cinematográfica dirixida por Neil Burger

16 de maio de 2014

Representación do club de lectura para as Letras Galegas

O club de lectura As Portadas encargouse de preparar unha dramatización da vida de Xosé María Díaz Castro para a homenaxe que lle rendemos ao escritor que se lle dedica este ano 2014. O club encargouse de ler tamén o guión e os microtextos finalistas no concurso do noso centro.

25 de marzo de 2014

A lección de August

A lección de August é a nosa obra de lectura para este mes de marzo. Unha obra sinxela que aborda temas complexos pero relativamente cotiáns. 

 Non xulgues un libro/persoa pola súa cara


Esta obra está a ser un éxito editorial en varias partes do mundo. Parte do éxito está na súa sinxeleza na narración pero o interesante é as leccións que nos vai ofrecendo un neno que comeza á escola e que ten unha deformación na cara. Como o miran, como se mira e como vai cambiando a súa mirada do mundo faranos descubrir a nós unha nova ollada sobre o que nos rodea.

11 de marzo de 2014

Reunións do club no mes de marzo

REUNIÓNS CLUB DE LECTURA MARZO:

PRIMARIA
Martes 11 de marzo ás 15.05 horas
Martes 25 de marzo ás 15.05 horas


ESO
Martes 11 de marzo ás 14.30 horas

Martes 25 de marzo ás 14.30 horas

28 de febreiro de 2014

Lectura das ladaíñas do entroido

Como case todos os anos, temos ladaíñas para o entroido. O club de lectura encargámonos de ler os versos críticos co centro, co profesorado e coa sociedade en xeral.

27 de febreiro de 2014

Ter e non ter.

Este luns 24 de febreiro quedamos a ver o film clásico Ter e non ter, baseado na novela de Ernest Hemingway. Como sempre, a sesión foi en versión orixinal con subtítulos.


Ficha Técnica:
Título: To have and have not (ter e non ter)
Ano: 1944
Produción: Warner Bros, Estados Unidos
Director: Howard Hawks
Guión: Jules Furthman & William Faulkner (Novela: Ernest Hemingway)
Música: Franz Waxman



A película baséase no coñecemento de Harry Morgan e Mary Browning nunha situación de ocupación de La Martinica como colonia francesa pero na que Francia está baixo control e dominio nazi.

Con todo, a novela é moito máis dura, céntrase no contrabando e nos problemas entre contrabandistas, policía e revolucionarios.




13 de febreiro de 2014

Metáforas e frases de amor comentadas no club de ESO

Presentamos unha pequena escolma de metáforas e frases de amor escollidas no club "As Portadas" de ESO.

METÁFORAS DE AMOR

O amor é resgatarte
das cadeas do nome
                X. L. Méndez Ferrín

Ao primeiro non a vía. Era aceno no vento.
Entroume pouco e pouco na vida, traizoeira.
                X. L. Méndez Ferrín

Tamén se facía cerva
De pé branco.

E señorita das fontes
Serpe amiga de caravel na boca
                X. L. Méndez Ferrín

FRASES CÉLEBRES SOBRE O AMOR
O amor é o único que medra cando se reparte
Antoine De Saint Exupery

A única forza e a única verdade que hai nesta vida é o amor. O patriotismo non é máis que amor, a amizade non é máis que amor.
            José Martí

O amor xamais reclama, dá sempre. O amor tolera, nunca se irrita, xamais se vinga.

            Indira Gandhi

11 de febreiro de 2014

Lectura do mes na ESO: The host

A obra que escollemos no club de ESO para este mes é The Host, libro da escritora de best-sellers Stephenie Meyer (autora da saga Twilight, traducida ao castelán como Crepúsculo).

Esta novela romántica conta como uns alieníxenas, que reciben o nome de "almas", invaden corpos e mentes de humanos e humanas. Na historia, unha humana, Melanie Stryder, non perde a súa conciencia e négase a desaparecer, polo que conviven no corpo dúas "especies" unha terrestre e outra extraterrestre. Isto provoca por veces conflitos e ocasiona que teñan que aprender a convivir as dúas conciencias.

A obra presenta aspectos interesantes como a necesidade de compartir un espazo con ideas distintas pero tamén reusulta curioso como se presenta un triángulo amoroso xa que Melanie mostra os seus sentimentos por Jared, un humano que vive oculto e eses sentimentos chegan á mente invasora, Wanderer, que acaba amando tamén a Jared.

As obras de Meyer presentan algúns aspectos polémicos desde o punto de vista da muller. Grupos feministas acusan á escritora mormona estadounidense de presentar as protagonistas femininas como sumisas ao home (en Crepúsculo Bella é sumisa a Edward, busca sempre a súa protección, depende completamente del). En The host (A hóspede) poderíase dicir que ao final "dúas mulleres" acaban amando ao mesmo home, curiosamente as dúas dentro do mesmo corpo.

Máis alá das polémicas que ocasionan algunhas personaxes femininas de Meyer, a escritora americana consegue un grande número de seguidores e seguidoras grazas a argumentos fantásticos que conteñen unha forte dose de misterio aínda que a historia é sempre contada de forma áxil e sinxela, feito que ocasiona unha lectura amena.

No 20013 fíxose unha versión cinematográfica da novela (2008)

Frases de amor para o 14 de febreiro

O 14 de febreiro vaise festexar o Día daqueles que se queren moito. Pero o amor ten dúas caras; aquí facemos unha selección de termos que mostran estes dous aspectos do querer.

No Club de lectura de Primaria fixemos unha listaxe de citas e frases que nos gustaron. Aquí tendes a selección persoal do club feita por Aylin, Sara, Azahara, Nayara, Lucía, Alexia, Alejandra, Isabel, Lorena, Paula, Nerea, Blanca, Pablo, Airam e Saray

Citas de amor
1) Un soño que soñas é só un soño. Un soño que soñamos xuntos é unha realidade (John Lennon)
2) Nunca digas nunca, tampouco digas sempre, pero dime que me queres como nunca e para sempre (Anónimo)
3)Amor é unha palabra, pero todo o que sinto é máis que unha palabra (anónimo)
4) A amizade pode ascender a amor e, con frecuencia, faino, pero o amor nunca descende a amizade (Lord Byron)
5) Se amarte fora un crime, eu sería o máis buscado (anónimo)

Citas de desamor
1) Ofrecer amizade ao que pide amor é como dar pan ao que ten sede (Ovidio)
2) O máis difícil non é o primeiro bico, senón o último (P. Neruda)
3) Se non queren como ti queres que te queiran, que che importa que te queiran? (Amando Nervo)
4)  As feridas que non se ven son as máis profundas (W. Shakespeare)
5) É mellor ser infeliz que ser infeliz con alguén (M. Monroe)
6) A peor forma de estrañar a alguén é estar sentado ao seu lado e saber que nunca o poderás ter (Gabriel García Márquez)
7)  É tan curto o amor e tan longo o olvido (Pablo Neruda)

Reunións club de lectura no mes de febreiro

Estas son as reunións planificadas para xuntarse o club de lectura "As portadas" en febreiro de 2014:


PRIMARIA
Martes 11 de febreiro ás 15.00 horas
Martes 25 de febreiro ás 15.00 horas


ESO
Martes 11 de febreiro ás 14.30 horas
Martes 25 de febreiro ás 14.30 horas


Luns 24 de febreiro ás 17.30 horas

31 de xaneiro de 2014

Conto "Os dous monstros"

Esta foi a nosa versión do conto "Os dous monstros" que preparou o club de lectura de ESO para a lectura nos cursos desta etapa educativa

Os dous monstros (Narrador, Primeiro Monstro, Segundo Monstro)

N: Había unha vez un monstro que vivía tranquilamente na aba oeste dunha montaña. Na aba este da montaña vivía outro monstro. Os monstros falaban ás veces a través dun burato da montaña. Pero nunca se viran. Unha tarde o primeiro monstro dixo:

PM: Viches que bonito? O día marcha.

SM: Que o día marcha?- respondeu o segundo monstro- Quererás dicir que a noite chega, ceporro!

PM: Zopenco! Non me chames ceporro que me enfado!

N:Saltou o primeiro monstro. E quedou tan desgustado que case non puido durmir. O outro monstro estaba tamén moi irritado e durmiu moi mal. Á mañá seguinte o primeiro monstro sentíase fatal despois da mala noite que pasara. Achegouse ao burato e berrou:

PM: Esperta, melón, que se remata a noite!

SM: Non sexas estúpido, cerebro de mosquito!- contestou o segundo- Iso é que vén o día. E agarrou unha pedra e tirouna por enriba da montaña


PM:Tes moi mala puntaría, palurdo!- berrou o primeiro monstro cando a pedra caeu sen darlle.

N:
Buscou outra pedra máis grande e lanzouna. Tamén esta pedra fallou.

SM: Non tes nada que facer, pailán, peludo, narigudo! -ouveou o segundo monstro, e botou un pedrolo que esmoucou o cume da montaña.

PM:Es unha chula de vento, rancia e pringosa! - berrou o primeiro monstro lanzando unha rocha que desprendeu outro anaco de montaña.

SM: E ti es un alcornoque vello e renegrido! -replicou o segundo monstro, esta vez, por variar deulle unha patada a unha pedra enorme.

N:A medida que avanzaba o día as pedras ían sendo cada vez máis grandes e os insultos cada vez máis longos. Os dous monstros seguían ilesos, pero a montaña íase desintegrando.

PM:Es un parvo peludo, cebón, cabeza oca e mandón!

N:Berraba o primeiro monstro tirando unha rocha xigantesca. Esa rocha rematou por destruír o que quedaba de montaña e os dous monstros víronse por primeira vez. Isto aconteceu precisamente cando empezaba unha nova posta de sol.

PM: Incrible! -dixo o primeiro monstro soltando a rocha que tiña entre as mans-  chega a noite. Tiñas razón.

SM: Asombroso! -bufou o segundo monstro deixando caer o seu pedrolo-Tiñas razón, é que o día se vai.

N:Reuníronse no medio do 
desastre que organizaran e consideraron a chegada da noite e a marcha do día.

PM: Pois foi bastante divertido - riu o primeiro monstro.

SM:Verdade que si? - riu o segundo - Pena de montaña!


Título: Os dous monstros. Autor: 
David McKee

Conto "Juul" para o Día da Non Violencia

Presentamos aquí as dúas versións do conto "Juul" que fixemos para o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. A versión infantil transforma algunhas partes do conto pero deixa a esencia fundamental do argumento. A segunda versión é un intento de achegarse fielmente ao orixinal.

Juul –versión infantil

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Juul decidiu que non quería ter orellas e desapareceron, pero agora o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras,  as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é o trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul desexou que lle desaparecesen as pernas pero a partir de entón non se puido mover.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Como se manchou nas mans quixo que desaparecesen pero entón os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha! brazos de salchicha!
 Juul entón quixo que lle desaparecesen os brazos. Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían: --que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!
Juul entón quixo que desaparecese o torso. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. E comezou a saírlle de novo o torso.
Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...
Proposta de actividades

1. Antes do conto: Facer un boneco de papel, como un inocente pero con pelo, orellas, ollos e mans (a ser posible). Tamén sería bo ter cinta fixo ou algunha cola

2. Ir dobrando as partes a medida que se vai contando no conto.

3. Despois do conto: Imos converternos en Nora: ímoslle dicir cousas bonitas para reconstruír a Juul

Cada vez que se diga algo positivo imos colando unha parte de Juul ata que consigamos reconvertelo de novo.


Juul (Versión Educación Primaria)

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Iso teríalle gustado a Juul, voar moi lonxe de alí. De dous rabiosos tiróns Juul arrancou as orellas.
Como non tiña orellas o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras, Juul vía as estrelas e empezou a mover os ollos. Entón os nenos empezaron a chamalo:
-Birollo! Birollo!Juul é un cegato
Juul pechou fortemente os ollos ata que lle saíron das órbitas, caeron ao chan como dúas bólas quentes, pero non botaron. Tiña tanta, pero tanta dor, que apenas podía pronunciar unha palabra, xemía, babeaba e balbucía mentres os outros lle dicían: 
-TatexoBaboso! gha, gha, gha miradeJuul non sabe falar! 
Juul meteu a súa lingua nun enchufe da luz, queimou media boca e a súa lingua, desapareceu.
A dor era tan insoportable que Juul apenas podía camiñar, as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul foi ao tren, puxo as pernas sobre as vías e cando este pasou deixou un gran regueiro vermello.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Deulle tanta rabia que meteu as súas mans en auga fervendo, para telas sempre limpas, pero estaba tan quente, que se queimou; e saíronlle ampolas e chagas que lle supuraban. O médico mandounas amputar e os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha!
 Juul foi ao zoo, á gaiola dos leóns, meteu os brazos polos barrotes e un león comeunos.
Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían:
-que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!-  Así que entre todos tiraron e tiraron ata que separaron a cabeza do madeiro. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...

Actividade do Club de Primaria no Día da Paz

O club de Primaria fixo 12 lecturas simultáneas, unha en cada curso de Infantil e Primaria, do conto Juul.

En Infantil e primeiro ciclo fíxose unha versión adaptado do conto e en segundo e terceiro ciclo fíxose unha lectura literal da obra.

A actividade realizouse o 31 de xaneiro, un día despois do Día da Paz, porque nesa data varios grupos tiveron un acto de deporte escolar.

Actividade do Club de Lectura de ESO na celebración do Día da Paz

O club de Lectura fixo a lectura do conto de David McKee "Os dous monstros" este venres 31 de xaneiro para celebrar o Día da Paz no noso centro (atrasáronse as actividades un día porque o 30 había unha saída de diverso alumnado co deporte escolar).

A lectura para primeiro de ESO foi na biblioteca, terceiro e PDC estiveron na sala de informática e cuarto na de audiovisuais. Tanto 2ºA como 2ºB permaneceron nas súas aulas xa que teñen bos proxectores.

30 de xaneiro de 2014

Lectura sobre a non violencia e a paz en primaria

O club de lectura de primaria estivo a ler a obra Juul durante o mes de xaneiro. Esta obra sinxela pero profunda, trata sobre o acoso infantil, os insultos na nenez e a importancia da axuda e da presenza de persoas que valoren aos demais e sobre como aceptar aos demais.

Esta obra que indica como é importante valorar ao diferente para non destruír foi escollida para ler en cada clase polos integrantes do club no Día Escolar e da Non Violencia que este ano se celebrará no noso centro o venres 31 de xaneiro

Lecturas para o Día da Paz en Secundaria

O alumnado de ESO estivemos a ler e comentar os contos "A pomba da paz" e "os dous monstros" durante o mes de xaneiro. Ademais lemos a lenda "o concurso da paz" e comentamos aspectos relacionados coa non violencia, como inflúen os insultos nos demais, que nos reporta que nos valoren e que nos reporta valorar aos demais.
Ademais escollemos o conto "os dous monstros" para facer unha lectura por cursos o 31 de xaneiro en relación coas actividades da biblioteca para ese día