31 de xaneiro de 2014

Conto "Juul" para o Día da Non Violencia

Presentamos aquí as dúas versións do conto "Juul" que fixemos para o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. A versión infantil transforma algunhas partes do conto pero deixa a esencia fundamental do argumento. A segunda versión é un intento de achegarse fielmente ao orixinal.

Juul –versión infantil

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Juul decidiu que non quería ter orellas e desapareceron, pero agora o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras,  as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é o trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul desexou que lle desaparecesen as pernas pero a partir de entón non se puido mover.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Como se manchou nas mans quixo que desaparecesen pero entón os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha! brazos de salchicha!
 Juul entón quixo que lle desaparecesen os brazos. Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían: --que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!
Juul entón quixo que desaparecese o torso. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. E comezou a saírlle de novo o torso.
Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...
Proposta de actividades

1. Antes do conto: Facer un boneco de papel, como un inocente pero con pelo, orellas, ollos e mans (a ser posible). Tamén sería bo ter cinta fixo ou algunha cola

2. Ir dobrando as partes a medida que se vai contando no conto.

3. Despois do conto: Imos converternos en Nora: ímoslle dicir cousas bonitas para reconstruír a Juul

Cada vez que se diga algo positivo imos colando unha parte de Juul ata que consigamos reconvertelo de novo.


Juul (Versión Educación Primaria)

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Iso teríalle gustado a Juul, voar moi lonxe de alí. De dous rabiosos tiróns Juul arrancou as orellas.
Como non tiña orellas o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras, Juul vía as estrelas e empezou a mover os ollos. Entón os nenos empezaron a chamalo:
-Birollo! Birollo!Juul é un cegato
Juul pechou fortemente os ollos ata que lle saíron das órbitas, caeron ao chan como dúas bólas quentes, pero non botaron. Tiña tanta, pero tanta dor, que apenas podía pronunciar unha palabra, xemía, babeaba e balbucía mentres os outros lle dicían: 
-TatexoBaboso! gha, gha, gha miradeJuul non sabe falar! 
Juul meteu a súa lingua nun enchufe da luz, queimou media boca e a súa lingua, desapareceu.
A dor era tan insoportable que Juul apenas podía camiñar, as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul foi ao tren, puxo as pernas sobre as vías e cando este pasou deixou un gran regueiro vermello.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Deulle tanta rabia que meteu as súas mans en auga fervendo, para telas sempre limpas, pero estaba tan quente, que se queimou; e saíronlle ampolas e chagas que lle supuraban. O médico mandounas amputar e os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha!
 Juul foi ao zoo, á gaiola dos leóns, meteu os brazos polos barrotes e un león comeunos.
Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían:
-que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!-  Así que entre todos tiraron e tiraron ata que separaron a cabeza do madeiro. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario