20 de decembro de 2016

Actuación do club de 6º de Primaria no Nadal

Este martes 20 de decembro realizouse o festival de Nadal do centro no auditorio da azucreira. O club de 6º participou cunha versión libre das historias de regalos no nadal: MamaNoela é secuestrada por unha fada egoísta pero cando lle quitan a súa vara máxica comprende que os demais tamén queren os seus presentes e cambia de actitude.

Unha vez máis realizamos unha versión propia das historias de Nadal. Os regalos son bos pero non demasiados; debemos consumir responsablemente e non ser egoístas e saber compartir. Tamén debemos ser conscientes de que hai figuras femininas que reparten regalos como MamaNöela. As mulleres existen na nosa sociedade; de feito protagonizan exclusivamente o noso club de 6º.

Boas festas a todas e todos

28 de novembro de 2016

Lectura do club de ESO en novembro

Este mes de novembro o club de ESO xuntámonos para realizar unha lectura e comentario do libro Cousas de Castelao.

Arredor dunha escolma de textos do autor rianxeiro debatemos o club de 2º, 3º e 4º. A sinxeleza da maioría dos relatos, unida á súa brevidade, fan desta obra un clásico de interesante e rápida lectura que non bota para atrás a ninguén.

O debate quedou servido e demandamos máis obras, no futuro, deste estilo

14 de novembro de 2016

Lectura do club de profes

O club de profes tamén comezou a súa andaina neste ano escolar; a obra é A ira dos mansos de Manuel Esteban, premio Xerais 2016.

Un misterio no que se ven envoltos un grupo de rapaces con Síndrome de Down fan que esta novela áxil sexa a escollida para comezar as lecturas do curso.

Crime, preconceptos, investigación, prexuízos e intriga fan que nos acheguemos paseniñamente a un mundo que os máis descoñecemos. É unha boa ocasión para saber un pouco deste mundo

28 de outubro de 2016

Actuación de ESO para o Samaín

O club de ESO volveu actuar para o Samaín en Secundaria. Realizáronse obras dramatizadas con versión en galego-inglés (. As obras escollidas foron as seguintes:

-Conto de medo inglés

-Sobre a morte do Bieito de Rafael Dieste.

Participou alumnado de 1º a 4º



Contos de Samaín e actuación de 5º en Infantil

O club de 5º de Primaria levou a súa actuación a Educación Infantil. Alí leron o conto con dramatización da historia para preto de 50 cativos e cativas


Esta é a historia creada polo club:

CONTO DE SAMAÍN. Club de Lectura “As Portadas” (5º Primaria)

Había unha vez un ananiño que se chamaba Xaquín. Vivía en Vilachán cos seus pais, María e Daniel. Gustáballe ver a televisión, nadar no mar e tamén lle gustaba xogar cos seus amigos: Xoán, Lucas e Delfi.
Os seus amigos ás veces burlábanse do seu tamaño. Un día, xogando ás agachadas, Xaquín, como estaba algo enfadado, alonxouse moito e perdeuse na entrada do bosque. Xaquín non sabía onde estaba ata que veu unha casa marabillosa. Alí vivía a aprendiz de bruxa Parisa. Era unha muller rica que metera os seus aforros en practicar meiguería.
 O anano pediulle que o fixese volver á súa aldea. Ela púxolle como condición que lle deixase practicar os seus trucos de meiguería e que así volvería o anano cos seus amigos.
Saíu da casa, botoulle un feitizo  pero… volveuno máis cativo do que xa era. Xaquín empequeneceu, empequeneceu e volveuse moito máis pequeno.
Ao verse así, Xaquín marchou de alí correndo e sen darse conta chegou a onde estaban os seus amigos. Ao velo dixéronlle que era un anano, unha mosquiña, un pitiño.
El pensou. O único que me pode axudar é o Gran Científico de Vilachán. El sabe moito e pódeme curar. Xaquín cruzou o bosque e atopou moitos animais feroces, pero como era tan pequeno agochábase con facilidade e non o descubrían.
Por fin chegou ao Instituto da Ciencia. Alí traballaba o Gran Científico. Xaquín achegouse e díxolle que quería que o fixese máis grande porque lle botaran un feitizo.
O científico díxolle que non podía desfacer  o feitizo porque a súa ciencia non se baseaba nos encantos máxicos.  E entón o Gran Científico preguntoulle como chegara alí.
Xaquín díxolle que atravesara o bosque cheo de feras e que agochándose debaixo de fentos e toxos conseguira chegar ata alí.
O Gran Científico entón díxolle que o que era un problema, a súa estatura, convertérase nunha vantaxe. E díxolle: non te avorgoñes do que es e aproveita sempre as túas posibilidades.
No regreso Xaquín volveu agocharse entre plantas e árbores no bosque e as feras non lle fixeron nada. Cando chegou onda os seus amigos sentíase ben porque o seu tamaño axudáralle a escapar dos animais perigosos do bosque.
Cando lles contou todo aquilo eles escoitábano con atención. Xaquín comezou a sentirse máis grande, máis grande e máis grande porque fixera algo importante. O seu tamaño non importaba, o que fixera marabillou os seus amigos.
Cando se ergueron, a Meiga aprendiz chegou alí e díxolles: os meus feitizos non están completos e aínda non son poderosos. Os seus efectos pasarán esta noite.
Ao día seguinte Xaquín recuperou o seu tamaño pero en realidade medrara moito máis coas aventuras que lle pasaran. E dende entón nunca máis se sentiu pequeno.

Samaín de Primaria

Este venres 28 de outubro estivemos a celebrar o Samaín no noso centro.

Como vén sendo habitual o club de lectura protagonizou os actos desta celebración con dúas representacións para toda Primaria e Educación Infantil.

A obra "Non son o que parecen" é unha versión libre de "As bruxas". 





Participou alumnado de 5º e 6º e fixemos 3 pases (1º, 2º e 3º ciclo de Primaria).



Grupo de 6º de Primaria 



O alumnado de 5º leu e interpretou a historia "O anano e a aprendiz de meiga"


Actuou o club de 5º tamén para Primaria e completou a súa dramatización cunha lectura para Educación Infantil.



Integrantes do clube de 5º de Primaria








18 de outubro de 2016

Club de lectura 2016-2017

Ola!

Xa estamos aquí de novo

Neste curso 2016-2017 continuaremos cos clubs que vimos tendo nos últimos cursos:

En Primaria, 5º e 6º

En ESO, un club de 1º ao que se anotan de entrada 12 persoas; o club de 2º, 3º e 4º que contará

No club de adultos, conformado de entrada por profesorado de ESO contaremos con 8 persoas..

Xa vos iremos contando.

Saúdos

10 de xuño de 2016

IX xORNADAs dOS cLUBs dE LECTURA

Este venres 10 de xuño celébranse as xornadas que cada ano convoca o CAFI para o encontro dos clubs de lectura. Nesta edición entregóuselle o premio dos clubs a Ledicia Costas como autora máis lida no curso pasado. A elaboración de rutas literarias como charla pola mañá e obradoiros de poesía a escoller un pola tarde completan esta marabillosa xornada de posta en común de diversas experiencias lectoras

20 de maio de 2016

Placa ao club pola participación nas Letras Galegas

O  Concello de Portas agasallounos cunha placa conmemorativa pola participación nos actos das Letras Galegas organizados pola Concellería de Cultura.

Esta semana expuxemos a placa xunto á entrada da biblioteca para que se puidese ver en detallepor parte de toda a comunidade educativa . Nas vindeiras semanas buscarémoslle un sitio xunto a outras placas e trofeos do centro.

15 de maio de 2016

Actuación do club de secundaria nas Letras

Este domingo 15 de maio o club de Secundaria actuou tamén no festival das Letras do Concello de Portas no auditorio da azucreira facendo a presentación do acto e preparando un recital da obra do autor de Outeiro de Rei.
No recital de poemas de Manuel María tamén participaron un grupo de rapaces e rapazas do EDLG que colaboraron neste ocasión cos do club. O reparto de poemas foi o seguinte:

1       A infancia, con Sara e Iria
2       Bando, con Manuel Gorís
3      A  Terra Chá, con Iria e Sara
4      O home da Terra Chá, con Raúl e Gorís
5      Galiza, lido por Juan
6      Emigrantes, lido por Azahara
8      A lingua galega, lido por Fátima e Celeste
9     A lágoa de Cospeito, lido por Celeste
1     Máis sobre a natureza perdida, con Sergio e Juan
1     O escudo galego, con Josiño e Gorís
1     Despedida coas palabras de Marica Campo, con Sara e Iria

Actuación do club de Primaria nos actos das Letras do Concello de Portas

Este domingo 15 de maio participamos no auditorio da azucreira de Portas nos actos preparados para conmemorar as Letras Galegas. O Club de Lectura de Primaria ofreceu a súa obriña sobre a vida de Manuel María que dividimos en tres actos. Nesta ocasión contamos coas baixas de Félix no acto 1 e de Mariña e Andrea no acto 2. Os papeis foron asumidos por outras compañeiras do club












Acto 1: Infancia

Papeis e intérpretes
Manuel María: Lucía M.
Antonio (pai): Nerea
Pastora (nai): Saray
Xosé (tío crego): Lorena C.
Domingo (mestre 1): María
Bautista (mestre 2): Lucía P.












Acto 2: Mocidade
Papeis e intérpretes
Manuel María: Nayara
Uxío Novoneyra:
Ánxel Fole: Uxía
Celestino Fernández: Lucía
Luis Pimentel:

No servizo militar



Acto 3: Madurez

Papeis e intérpretes
Manuel María: Lorena
Saleta: Ángeles
Xosé Luis: Alejandra
Celso: Antía
cura: Alexia
Aquilino: Isa
Ramón: Nerea
Lois: Blanca





Despedida final con ovación ás actrices





13 de maio de 2016

Actuación do Club nas Letras Galegas

Este venres 13 de maio celebramos no noso centro un acto para conmemorar as Letras Galegas, en especial a Manuel María xa que é o seu ano.

O Club de Lectura de Primaria preparou unha obriña sobre a súa vida que dividimos en tres actos:


Acto 1: Infancia

Papeis e intérpretes
Manuel María: Lucía M.
Antonio (pai): Nerea
Pastora (nai): Saray
Xosé (tío crego): Lorena C.
Domingo (mestre 1): María
Bautista (mestre 2): Lucía P.
Manuel de Paderna (compoñedor de versos): Félix




Acto 2: Mocidade

Papeis e intérpretes
Manuel María:Nayara
Uxío Novoneyra: Mariña
Ánxel Fole: Uxía
Celestino Fernández: Lucía
Luis Pimentel: Andrea





Acto 3: Madurez
Papeis e intérpretes
Manuel María: Lorena
Saleta: Ángeles
Xosé Luis: Alejandra
Celso: Antía
cura: Alexia
Aquilino: Isa
Ramón: Nerea
Lois: Blanca

Escena da Festa da voda de Manuel María con Saleta


O club de ESO realizou a presentación do acto e tiña preparado un recital xunto con integrantes do EDLG.







23 de abril de 2016

dÍA dO LibrO e cLUB dE LeCTuRa

Este venres 22 de abril celebrouse o Día do Libro no noso centro e o Club de 5º con algunha integrante de 6º realizaron dúas representacións. A temática das obras versaba sobre a problemática da muller xa que estaban pensadas para a celebración do 8 de marzo. Por razóns académicas (coincidía cos exames da segunda avaliación) deixamos esta representación para sumar aos actos do Día do Libro.


Así tivemos dúas obras. A primeira estaba inspirada nas condicións de traballo pésimas que tiñan as integrantes dunha fábrica téxtil. O feito inspirador desta obra foi a folga dunha fábrica téxtil en Nova York na que morreron 146 mulleres que se declararan en folga; o 25 de marzo de 1911 a policía desaloxounas con bombas incendiarias provocando un desastre cheo de perdas de vidas humanas que cambiaron parte da lexislación laboral americana. A nosa obra, actualizada, inspírase nunhas traballadoras que se declaran en folga e que conseguen cambiar de xefe e ter mellores condicións de traballo.

A segunda obra fala dos malos tratos. A denuncia dunha amiga fai que a policía investigue o caso e non se fíe das apariencias e consiga deter ao malfeitor no momento en que ía actuar. A inspiración desta obra veu das máis de 60 vítimas de malos tratos que perderon a vida no 2015 no Estado español.

Así, este Día do Libro celebrámolo con dobre intención, reinvidicando mellores condicións laborais e persoais para as mulleres.

12 de abril de 2016

Presentación do libro Fontán de Marcos Calveiro

Este martes 12 de abril asistimos á presentación do libro Fontán de Marcos Calveiro, gañador do premio Repsol de Narrativa Breve 2015 e publicado pola Editorial Galaxia. A presentación realizouse no auditorio da Azucreira de Portas  ás 11.30 horas e durou aproximadamente unha hora.


Esta obra forma parte das lecturas recomendadas para este mes e entran dentro das actividades que se están a desenvolver para conmemorar o Día do Libro.







O alumnado do club de lectura de ESO asistiu á presentación xunto co de 6º de Primaria xa que formamos parte das entidades que colaboraron na organización do acto. Alumnado do club departiu co autor e achegouse ao escritor para que lle asinasen un exemplar.

15 de marzo de 2016

Esmeraldina, libro do mes de literatura infantil-xuvenil

Aproveitando que este martes 15 de marzo estivo Ledicia Costas no noso centro, decidimos poñer Esmeraldina, a pequena degunta como obra de lectura para o club nas seccións infantís e xuvenís (tamén a poden ler os adultos, se se quixer).

Esmeraldina é a precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, obra que entrou no plan lector do centro en 1º de ESO. Ledicia Costas gañou con Escarlatina o premio Merlín 2014 de Edicións Xerais e o Premio Nacional de Literatura en 2015. Agora temos o momento en que Esmeraldina morre e se transforma en pantasma, vida nova na que se ten que afacer.

De novo gozaremos coa lectura da escritora viguesa que da man do humor e da acción nos leva ao Alén e a outros mundos imaxinarios cunha sensibilidade que fai que se desmitifique un tema como a morte que moitas veces se converte en tabú na nosa sociedade.


Ledicia Costas na charla de hoxe sobre a súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta

11 de marzo de 2016

Libro do mes: Fontán, de Marcos Calveiro

Este mes propoñemos como lectura para ESO e adultos a mesma obra: Fontán de Marcos Calveiro. O autor presentará a obra para o noso centro no vindeiro mes de abril pero previamente decidimos coñecer a obra e analizala no club de lectura. O persoeiro máis famoso de Portas e un dos galegos máis ilustres de todos os tempos será obxecto da nosa atención na próxima reunión.

Animamos a ler a obra a todos aqueles e aquelas que non o lerades e invitámosvos a asistir á xuntanza do club. Falaremos da realidade e da ficción no libro, comentaremos que aspectos nos gustaron máis e servirá de base para contrastar co que nos conte da obra Calveiro o 12 de abril.

Agardamos que o gocedes.

29 de febreiro de 2016

Preparando o Día da Muller

O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día da Muller. No Club de Primaria buscamos información coma sempre sobre este evento e decidimos con que formato queremos traballar no club. Nesta ocasión volvemos escoller a dramatización e comezamos a organizarnos para preparar algunha obriña para esta conmemoración.

Como vén sendo habitual, dividímonos en grupos segundo o público do centro ao que nos queremos dirixir. A continuación falamos e reflexionamos sobre as temáticas que se vencellan a este día e pasamos a facer a nosa propia creación segundo os e as integrantes que temos  e os aspectos que lle interesa destacar a cada grupo: discriminación no xogo, discriminación laboral, social, etc.

E logo comezamos a actuar, escribir, ler, corrixir, volver escribir, ensaiar, actuar, crear, pensar, facer, desfacer, volver facer, probar e pechar, case no último momento, a nosa obra. E que ben o pasamos nese proceso.

Poemas de amor e desamor de Rosalía

Este mes de febreiro foi o do Amor, tamén chamado Cupido na mitoloxía romana, e foi tamén o mes de unha das mellores poetas do mundo: Rosalía de Castro. Para complementar o traballo do EDLG e o Departamento de Galego, desde o club de lectura quixemos facer unha escolma de pomas seus, especialmente de amor e desamor.

Son moitos os poemas de Rosalía pero escollemos máis de unha ducia que penduramos por diversos espazos do centro, especialmente polas escaleiras de 3º e 4º de ESO. Os textos seleccionados despois da lectura do club foron os seguintes:

Cantares Gallegos
"Nasín cando as prantas nasen"
"Cantan os galos pra o día"
"Quíxente tanto meniña"
"Santo Antonio bendito"
"Pasa río, pasa río"
"Mais ao que ben quixo un día"
"Queridiña dos meus ollos"

Follas novas
"A un batido, outro batido"
"Cando era tempo d'inverno"
"Bos amores"
"Amores cativos"
"Un verdadeiro amor é grande e santo"
"Sen niño"
"Tecín soia a miña tea"

16 de febreiro de 2016

Febreiro: Rosalía e Amor

Este mes de febreiro vén cargado de poesía: é o mes de Rosalía e din que é o mes do amor. Os refráns de vello xa o dicían:

"Pola candeloria casan os paxariños e maila galiñola"

Case coincidindo con esta festa que celebraba a purificación a través do lume e a fertilidade, a igrexa institucionalizou o 2 de febreiro como festa santa e o 14 de febreiro cristianizou ao clásico Cupido como San Valentín. Hoxe non deixa de ser máis que unha festa consumista para ver se picamos e lle regalamos algo ás parellas...

...pero nós imos xuntar todo e agasallar algo menos materialista... POESÍA.

Sabendo que é o mes de Rosalía (o Día 24 de febreiro é a data que a AELG institucionalizou como Día de Rosalía, conmemorando o seu nacemento), estamos a relela buscando os seus poemas amorosos. Compilamos os que máis nos gustan e imos a ofrecérllelo
s en minilibriños para o todo centro...






29 de xaneiro de 2016

Lecturas de ESO sobre a Paz

O club de ESO preparou unha escolma de poemas relacionados co Día da Paz e da Non Violencia. A metade dos poemas estaban en galego e a outra metade en castelán: Celso Emilio Ferreiro, Bertold Bretch, Gloria Fuertes, Rafael Alberti e Miguel Hernández foron as persoas escritoras que escollemos para esta data.

Os poemas que lemos trataban sobre a irracionalidade de botar bombas, sobre a necesidade de irmandarse os pobos, sobre o desexo cotián de levarse ben e criticábase aos políticos e estados poderosos que asoballan aos demais mediante a violencia e o sometemento.

As lecturas fixéronse a 4ª hora (12.40-13.30) para toda a ESO, pasando os grupos desde 1º a 4º, tras ver a exposición de xoguetes e enredos do século XX e tras colocar a man no mural co símbolo hippie da Paz. O club de lectura completou os actos coa lectura de poemas e a dramatización do libro Orellas de bolboreta

Lectura dramatizada do club de ESO: Orellas de bolboreta


O club de ESO fixo unha pequena adapatación do libro Orellas de bolboreta para a súa lectura no Día Escolar da Paz e da Non Violencia.

Os insultos, a discriminación e parcialmente o chamado agora "bulling" están presentes nesta marabillosa obra destinada ao público infantil pero que actualizamos para dirixirnos a adolescentes.

Ademais, Mara, a protagonista, responde con intelixencia, bo humor e un sorriso aos que pretenden ferila e dá así unha lección de autoestima a todos aqueles e aquelas que non saben respectar a diversidade.

Esperamos que esta lección sirva para concienciar contra o acoso e para dar unha visión positiva da diferenza como compoñente humano.

Obra de 5º e 6º para o Día da Paz: Mahatma Gandhi, a historia (creación propia)

En 6º de Primaria quixemos preparar unha pequena montaxe sobre a vida e morte do famoso Premio Nobel da Paz Mahatma Gandhi.
MAHATMA GANDHI
PERSONAXES:
-MAHATMA GANDHI: NAYARA
-KASTURBA(muller de M.G): ALEXIA
-INDHIRA (filla de M.G): ÁNGELES
-ASASINO 1: BLANCA
-ASESINO 2: NEREA
-RANDI (amigo de M.G): ALEJANDRA

-ESCENA 1-
ALEXIA-Descansa un pouco que xa levas un bo rato escribindo
NAYARA-Tranquila muller, que só me queda un anaco pequeno
ALEXIA-E logo, Randi, non quedaras con el as cinco?
NAYARA-Por eso teño que acabar rápido, así que non molestes
ALEXIA-Tranquilo, non fai falta que te poñas así
NAYARA-Muller, é que contigo non hai ninguén que
poida traballar
ALEXIA-Pois deixa, que xa me vou
-ESCENA 2-
NAYARA-Eu xa me vou, que me é hora
ALEXIA-Ben, pois ata despois

-ESCENA 3-
(Mahatma vai onda Randi)
ALEJANDRA-Boas tardes
NAYARA-Boas tardes, e perdoa polo retraso
ALEJANDRA-Non pasa nada, e dime, xa tes o libro?
NAYARA-Sí, aquí tes
ALEJANDRA-Pois cando estean listos tráioche un
NAYARA-Vale, pois ata mañá
ALEJANDRA-Ata mañá

-ESCENA 4-
(Mentres, na gorida dos asasinos)
BLANCA-Xa están cargadas as pistolas
NEREA-Ben, pois agora só nos queda saber a que hora e día vai a ir a buscar súa filla
BLANCA-Eu seino, fano por turnos os luns,os mércores e os venres a nai,e o resto dos días el
NEREA-Pois imos preparar o que nos queda
BLANCA-Pois imos

-ESCENA 5-
(Mahatma chega a casa)
NAYARA-Xa estou aquí
ÁNGELES-Ola papa
ALEXIA-Ola,que tal?
NAYARA-Moi ben,pero eu vou para a cama que estou moi cansado
ÁNGELES-Papa, acórdate de que mañá tesme que ir a buscar as tres e media e nos as catro
NAYARA-Vale
(Mahatma vaise pa cama)
ALEXIA-Nena vaite para a cama,que eu tamén vou
ÁNGELES-Vale, xa vou

-ESCENA 6-
NEREA-Xa está todo feito?
BLANCA-Sí,só nos queda esperar ata mañá
NEREA-Pero,seguro que cargaches as pistolas?
BLANCA-Si seguro
NEREA-Pois imos revisar todo
BLANCA-Pois imos
-ESCENA 7-
NAYARA-Eu vou buscar a nena
ALEXIA-Ben, pero non tardes moito
NAYARA-Vale

-ESCENA 8-
(Mahatma chega ao colexio)
NEREA-Estás listo?
BLANCA-SÍ, mira aí esta
NEREA-Veña sae xa
(Agora matan a Mahatma)

-ESCENA 9-
(Arrastran o cadáver ata un descampado)
BLANCA-E agora que facemos
NEREA-Pois deixámolo aquí
BLANCA-Pois imos para a furgoneta
(Os asasinos montan na furgoneta e marchan)

-ESCENA 10-
(Mentres na escola)
ÁNGELES-Vou saír, que meu pai está tardando moito
(Mentres na casa)
ALEXIA-Vou saír que estan tardando moito
ÁNGELES-E este sangue que fai aquí?
ALEXIA-E este sangue que fai aquí?
(As duas fundense nun abrazo)
ÁNGELES-Ola mama
ALEXIA-Ola filla,e teu pai?
ÁNGELES-Non o sei,non me veu a buscar
ALEXIA-Pois imos buscalo que estou moi preocupada,ti por alí e eu por aquí
(Enton saen em busca de Mahatma)
ÁNGELES-Aaaaaaaaaaaaaaaaa...........Mama
ALEXIA-Que pasou?E quen é ese home?
ÁNGELES-É papa,e que facemos?
ALEXIA-Pois enterralo,pero imos pa casa e ves un poucoa tele para que te despejes
(van para a casa)
ALEJANDRA-ULTIMA HORA,acábase de encontrar o cadáver de Mahatma Gandhi nun descampado, por causas descoñecidas. Informámoslles de máis detalles na proxima conexión
-ESCENA 11-
(no enterro, entra Randi)
ALEJANDRA-O meu sentido pésame
ALEXIA-Foi unha morte inesperada
(Agora quedanse un pouco así)


Esta obra está baseada, libremente, na historia de Mahatma Gandhi, que foi asasinado o 30 de xaneiro de 1948, e por eso declarouse o 30 de xaneiro o día internacional da paz.
(Esta obra foi creada polas integrantes do club de lectura de primaria,nenas de 6º)

Obra do Día da Paz de 5º de Primaria: "Desfacendo as falcatruadas"


A obra que preparamos no club de lectura de 5º é de elaboración propia a partir das nosas achegas, debates e comentarios sobre o "mal" que se lle pode ocasionar aos demais. No día a día debemos comportarnos de forma honesta e equilibrada, a paz e a non violencia comeza polas cousas máis pequenas.


Personaxes: Alumna-actriz:

Keiti (nena traste): Lucía Méndez
Sara (nena boa): Mariña
Noemi (nai): Uxía
Maena (dependenta de tenda de animais): Lucía F
Raquel (dependenta de roupa): Lorena

Desfacendo as falcatruadas

Escena 1
Sara: Deberías ser máis amable coas persoas
Keiti: que va é mais divertido facer trasnadas
Maena: vou facer un recado (a tendeira sae)
Keiti: (ve saír á tendeira Maena e diríxise á súa amiga Sara) Ven (solta os cans da tendeira)
Sara: Eh! pero que fas? iso está mal feito
Keiti: que va! É moi divertido
(Diríxense cara a tenda de Raquel)
Keiti: ven (corta unha camiseta da tenda de Raquel)
Sara: Eh! pero que fas? Iso está mal feito
Raquel: Eh! volvede aquí!
(As nenas marchan correndo; Keiti, cóllelle o libro á súa amiga)
Sara: pero que fas? Ese é o meu libro (Keiti marcha para a casa )
 Maena: (Volve a tendeira e non atopa os cans) Os meus cans non están! (chama por teléfono á outra tendeira) Sabes o que me pasou, soltáronme os cans e non os atopo. A ti cortáronche unha camiseta? Podemos quedar despois, creo que sei quen foi.

Escena 2
Maena: Sabes o que me pasou, non. Hoxe á mañá unha rapaza soltoume os cans
Raquel : A min, unha rapaza cortoume unha camiseta da tenda
Maena: Temos que facer algo
Raquel: Eu vina marchar coa amiga
Maena : Iremos falar coa nai
Raquel: Vale, vai ti primeiro, despois irei eu

 Escena 3
Maena: (toc toc)
Noemi:  Pase, adiante. Que lle trae a vostede por aquí?
Maena: Pois, mira; é que a túa filla, onte pola tarde soltoume os cans.
Noemi: Estás segura de que foi a miña filla?
Maena: Si, non hai dúbida, eu vina nas cámaras de seguridade. Era rubia, cunha coleta longa
Noemi: Ben, sorpréndesme un pouco, pero mañá pola mañá falerei con ela
(Vaise Maena)

Escena 4
Raquel: (toc toc)
Noemi:  Pase, adiante. Que lle trae a vostede por aquí?
Raquel: Pois, mira; é que a túa filla, onte pola tarde, curtoume unha camiseta da tenda
Noemi: Sorpréndesme un pouco pero voute crer porque xa me vou a outra tendeira avisarme con algo parecido. Pola mañá falarei con ela.
(Vaise Raquel)
 (Noemi e a filla póñense a durmir. Entra Sara, que lle canta unha nana mentres lle rouba a pulseira á amiga e marcha)

Escena 5
Noemi: (érguese e vai onda a filla) Esperta, filla, que xa é hora de levantarse e teño que contarche unha cousa.
Keiti: Que queres, mamá?
Noemi: Onte pola noite díxome un paxariño que te portaras mal. É iso verdade?
Keiti: Non, eu son moi boa, pórtome moi ben.
Noemi: Pois a verdade é que non mo dixo só un paxariño, dixéronmo dous. Estás segura de que te portaches ben?
Keiti: Vale, tés razón,
Noemi: Pois deberás ir axudar ás tendeiras e pedirlles perdón polo que fixeches
Keiti: Vale, pero antes téñolle que devolver un libro que lle roubei á miña amiga
Noemi: Pero como puideches facer iso, se é a túa mellor amiga?
Keiti: É que eu quería lelo
Noemi: (berrándolle) Pois pídeselle por favor se cho deixa, pero non se colle sen permiso.
Keiti: Vale. (vai á habitación) Mamá, fáltame a pulseira.
Noemi: Estache ben, así sentirás o mesmo que esas persoas ás que molestaches
Keiti: De acordo


Escena 6
Keiti: (toc toc)
Sara: Pase
Keiti: Ola Sara, tráioche o libro que che collín onte sen permiso. Perdoa, non o debín facer.
Sara: Non pasa nada. Eu tamén teño algo para ti. (Dálle a pulseira)
Keiti: A miña pulseira! Collérasme ti! Grazas
Sara: Era para que te deses de conta do que molesta que che collan as cousas.
Keiti: Agora xa o sei. Teño que ir ao mercado reparar o mal que fixen onte. Vés comigo?
Sara: Vale.

Escena 7
Keiti: (chegan á tenda de Maena) Ola! Víñalle pedir desculpas polo que fixen onte. Fun eu quen soltou os cans e quería axudarlle a buscalos hoxe.
Maena: Moi ben. Agora estás actuando ben. Se os atopades dareivos unha pequena recompensa
(keiti e Sara recollen os cans)
Keiti: Aquí están
Maena: Falta o cachorro
(Traen o cachorro)
Keiti: Mire, xa o atopei
Maena: Perfecto. Por axudarme con isto vouvos dar unha propina.
Keiti e Sara: Grazas.
Keiti: Agora voulle comprar unha camiseta á outra tendeira con este diñeiro
Sara: Toma o meu tamén.
(Van á tenda de Raquel)
Keiti: Ola! Onte rompínlle unha camiseta e quería pedirlle desculpas. Mire, tráiolle unha nova
Raquel: Grazas rapaciñas. Así é como se hai que comportar.
(marchan Keiti e Sara)


Escena 8
Sara: E agora como te sentes?
Keiti: Moi ben. Estou contenta porque todo se arranxase.
Sara: E agora que facemos?
keiti: Podemos ir xogar ao parque
Sara: Si, podémonos divertir sen molestar aos demais
Keiti: Desde logo.
Sara Pois adiante.

(Marchan correndo e saen todas as actrices ao escenario para dicir: "Esta obra realizouna o club de lectura de 5º de Primaria para o Día da Paz")

Obra de 6º de Primaria para o Día da Paz: As raíñas e o ouro roubado


En 6º de Primaria realizamos unha obra para o Día Escolar da Paz e da Non Violencia sobre o reparto de recursos económicos e como facer para que haxa un mellor entendemento entre os pobos. Tamén se incide nos discursos de boas relacións que os adultos lle inculcan aos nenos e como deseguido os olvidan para enfrontar os seus problemas cando tamén os deberían aplicar para resolver os seus conflitos.

Trátase dunha sinxela obra de creación propia (está pensada para o público de infantil e primeiros cursos de primaria) pero que achega numerosos valores para o entendemento.


As raiñas e o ouro roubado

Personaxes: Actrices

Raíña 1: Antía
Princesa 1: Andrea
Raíña 2: Lorena
Princesa 2: Isa
Garda 1: Lucía
Garda 2: Paula

Andrea- Píllame
Isa -Non podo
Antía- Andrea non abuses
Andrea- Síntoo mamá
Lorena- Isa a merenda
Antia –Ti tamén Andrea
Isa, Andrea- Dacordo
                                                                              (comen)
Isa- Mmmm… Que rico.
Lorena -Isa acaba xa que temos que marchar.
Andrea- Non que quero xogar un pouco máis
Antía- Andrea se ten que marchar ten que marchar
Lorena- Sintoo pero temos que marchar, xa a traerei outro dia
Isa,Andrea- Joo…
Lorena – Bueno marchamos
Antía,Andrea- Chao ata outro dia.
                                                               (chega a noite)
Lorena – Non podo deixar que me escoiten.
Lucía, Paula -Non podes pasar!!
Lorena- Veño departe da raíña Antía
Lucía- Sentímolo pase
Lorena- (aparte) Insensatos jajaja…
                                                               (rouba o ouro)
Lorena- Xa o teño, agora son mais rica jajajaja…. (marcha)
(pola mañá, Antía e Andrea van á cova)
Antía- Fáltame o ouro isto é indignante. Vamos Andrea a buscar a “rouba ouro”.
Andrea- Quen é esa?
Antía- Aínda non o sei. Gardas vistes algo a noite?
Paula- Si vimos a unha muller que dixo que viña da túa parte e deixámola pasar.
Antía- E como era.
Lucía- Era a mesma raíña que veu onte coa súa rapaciña.
Antía – Xa sei, é Lorena.
Andrea – Ben!!! A xunto Isa.
Antía – Algo así, filla. Vamos gardas.
(diríxense ao pazo veciño)
Lorena- Que sorpresa non vos esperaba.
Antía - Non te fagas a inocente. Roubaches todo o ouro da cova.
Lorena- Pero que dis. Eu non fun.
Antía- Ai non! déixame ver o ouro.
Lorena- Non teño por que, déixame en paz.
Antía- Non te vou deixar. Ou devolves o ouro ou faremos unha guerra.
Lorena- Non fai falla poñerse así muller.
Antía- Como non, roubáchesme o ouro.
Lorena- Oíches que a metade do ouro estaba nas miñas terras.
Andrea- Deixade de pelexar!!!
Isa- Vos ensinástesnos a compartir, agora tendes que facelo vós.
Lorena- As rapazas teñen razón.Se compartimos o ouro xa non haberá máis guerras.
Antía- De acordo. Vamos para a casa.
Andrea,Isa- Ben xa son de novo amigas!!!
Lucía- E dende este mesmo instante nomeouse aquel día…

                                                                              O DIA DA PAZ.

25 de xaneiro de 2016

Xaneiro: preparando lecturas sobre a paz.

Este mes de xaneiro estivemos a falar, ler e traballar con aspectos relacionados co Día Escolar da Paz e da Non Violencia que este curso coincide en sábado, en concreto o 30 de xaneiro. Mais no noso centro, e tamén no club, imos conmemoralo con diversos actos esta semana, especialmente xoves e venres.

En primaria estiveron a voltas con Gandhi, con obras de conflitos entre pobos rivais, con desputas entre compañeiros e compañeiras e de todo iso xurdiron tres historias diferentes de creación ou adaptación propia para representar no centro (faremos unha obra o xoves 28 de xaneiro para infantil de 3 e 4 anos porque ao día seguinte van de excursión e para o resto de infantil e primaria o venres 29 de xaneiro).

En ESO estivemos a ler unha escolma propia de poemas e finalmente lemos unha obriña que pretendemos adaptar ás especificades adolescentes para o Día da Paz, é dicir, dun libro no que a maioría se burlan das características dunha nena veremos como ela lle dá a volta á situación;  o venres veremos os resultados en Secundaria.