26 de novembro de 2018

Actos do club de lectura de ESO para o 25N

O Día contra a Violencia Machista celebrouse no noso centro este 26 de novembro (o 25N foi domingo).

O club de 3º ESO realizou un vídeo montando unha especie de curtametraxe que é unha adaptación libre do relato "Eva" da excepcional obra Invisibles, relatos do maltrato de Montse Fajardo

O club de 1º e 2º ESO preparou a súa versión libre dunha obra contra o maltrato.

16 de novembro de 2018

CLUB DE LECTORES ATREVIDOS: on fire

Ola!

Benvidos ao club de lectores atrevidos.

Este é o club que vai pretender potenciar a lectura no CPI Domingo Fontán focalizando as obras nos intereses e temáticas de lectores masculinos. A este club poderá asistir calquera alumna ou alumno da ESO do noso centro, pero as obras serán sempre propostas ou escollidas por homes.

Admitimos banda deseñada-cómic, obras de ciencia, matemáticas, deportes ou literatura de ficción; pero os límites porémolos nós dentro destes parámetros.

Os venres reunirémonos no recreo, isto é, de 12.15 a 12.40; e non vos preocupedes polas larpeiradas, poderemos tomar a merenda na reunión.

Os primeiros lectores atrevidos xa chegamos: somos Gabriel Lueiro e Marcos Ruibal.

Un saúdo

15 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS: Invisibles; relatos do maltrato

A obra escollida este mes polo club de lectura de adultos foi Invisibles, relatos do maltrato. 

Esta obra de Montse Fajardo é a seleccionada no mes que se celebra o Día contra a violencia machista: o 25 N.

Estes 7 relatos transpórtanos a un mundo no que imos comprendendo moito mellor a complexidade que se agocha detrás da violencia machista e o silencio que aparece nas vítimas: as voces femininas debullan con mestría como a ilusión e esperanzas iniciais depositadas no home amado se van transformando en desacougo, incomodidade e finalmente medo e pavor. A frecuente incredulidade e incomprensión da sociedade, mesmo dos máis achegados, tecen unha arañeira que conduce as vítimas a autoculpabilizarse e/ou autoocultarse, especialmente ao principio. Os difíciles pasos para saír desa situación, o apoio de amiga/os ou familiares que se van facendo conscientes da situación son chaves para acabar saíndo dunha situación que, por desgraza, nalgúns casos non teñen volta atrás.

Parabéns para Montse por trasladarnos ao mundo das vítimas reais. Porque si, non daban o perfil, pero acabaron sendo vítimas.

E si, está baseado en feitos reais.

Pero non por iso é mellor. O mellor sería que non tivese acontecido. Pero xa que pasou, sigamos a tomar conciencia grazas a este marabilloso libro.


6 de novembro de 2018

Clubs de ESO: oS oLLoS dO tANGALEIRÓN

A reedición dun "clásico" da literatura xuvenil galega levounos a escoller esta obra como a primeira para ler este curso.
Os ollos do Tangaleirón é unha obra que envellece ben. Transpórtanos a unha época na que aínda se podía crer en seres míticos galegos que están emparentados con outros seres semellantes de outras partes do mundo, pero este é noso, é o noso, e Neira Cruz convídanos a coñecelo un pouco, a enxergalo, a degustalo.

En norteamérica terían feito unha serie con el. O libro lese ben. Lévanos tamén a ver o despoboamento das zonas de Alta Montaña galega. Como a vida alí seguía a perder xente pero como era o lugar no que aínda se podían recuperar tradicións.

Perder o noso podo ser evitable. Por iso, a literatura, unha vez máis, convídanos a viaxar ao mundo das nosas crenzas, dos nosos seres, da nosa mitoloxía e da nosa imaxinación. É unha obra moi digna que estivo sen reeditar moitos anos. Unha boa nova que volvese.