21 de decembro de 2023

Conto (ceibe) de nadal polo Club de Primaria


 Este 21 de decembro despedímonos cunha actuación que xuntou a todo o club de Primaria pero que veu precedida, como sempre, dun intenso traballo. Este mes de decembro seguimos acrecentando o número de integrantes do club de Primaria e, por certo, contamos tamén coa chegada de lectores masculinos. En 6º tivemos tres incorporacións (Manuel, Darío e Noe) e en 5º tivemos catro incorporacións  (Sofía, Amparo, Mariña e Mauro; unha incorporación foi efémra, a de Xián, xa que estivo na lectura pero decidiu non participar na actuación, igual que Sergio que si estivera no 25N)

A rolda de traballo seguiu o ritmo habitual: a primeiros de mes reunímonos tanto o club de 6º como o de 5º para preparar a nosa lectura de cara ao nadal. Así, tras falar das obras que poderiamos traballar, todo o mundo apostou polo clásico de Dickens. Con todo, lemos outras dúas historias baseadas en contos en valores que focalizan a importancia do nadal en aspectos menos consumistas ou en facer reflexionar sobre as consecuencias de ter todo o que se quere.

Finalmente, fixemos unha lectura adaptada e conxunta da obra Conto de nadal e a maioría declarou querer dramatizar esta obra na Festa Fin de Ano do Día 21 de decembro. Así, despois de dúas semanas intensas chegamos ás 12.30, do 21 de decembro, despois das uvas de fin de ano no centro, onde pasamos a actuar durante case un cuarto de hora para todo o centro e familias que se achegaron a esa hora. Deste xeito conseguimos achegar esta obra clásica pero adaptada aos nosos días, á que lle chamamos "Conto (ceibe) de nadal".

Hai gravación do feito. Tendo en conta que o ximnasio non é o mellor escenario do mundo, deixámovos un enlace para que poidades vela


Deixamos agora os papeis e os seus intérpretes

CONTO (CEIBE) DE NADAL

Charles Dickens

(Adaptación libre para o club de 5º e 6º de Primaria)

 NARRADORA 1.......Noelia

NARRADORA 2........ Icía C.

RAÑA (Pero)............. Manuel

MARÍA (empregada).... Mariña

ANA (empregada)........ Candela

CARME (empregada)..... Lara

ROSA (empregada)..... Diana

LELA (empregada)..... Nora

SOBRIÑO RAÑA.... Roi

PEDIDOR PARA POBRES.... Darío

FANTASMA CURMÁN PAULO... Mauro

FANTASMA NADAL PASADO... Alma

Neno Raña... Icía P.

Fanni Raña... Alexia

Mozo Raña... Aldhara

Moza de Raña... Annette

Fantasma Nadal actual... Amparo

Raña vello... Darío

Antía, filla de Ana... Estela

FANTASMA DO NADAL FUTURO... Laura

LIMPADORA ... Alma

XORNALEIRO... Sofía

14 de decembro de 2023

Lectura de nadal e futuro no club de ESO

 Agora que se achega o Nadal  no club de ESO recorremos a un clásico... Conto de nadal de Charles Dickens. Botamos unha ollada pola fiestra do tempo a como se enfocaba unha sociedade capitalista incipiente e como se conxugan certos valores "modernos" cos tradicionais ou, dito doutro modo, hai unha invitación a ir máis amodo na nova sociedade.


Por outra banda, estivemos a falar da planificación cara ao futuro e propuxemos unha obra da que poderemos ter unha visita da escritora: Furia  de María Reimóndez, gañadora do premio Jules Verne de literatura xuvenil este ano (e que o profesorado do club está xestionando para traer ao centro). Esta lectura tamén foi proposta no club Adulto polo que partillaremos unha obra similar.

Convidámosvos a seguir as nosas lecturas...

5 de decembro de 2023

Reunión do club adulto

Este martes 5 de decembro realizamos a 2ª xuntanza do club adulto. Nesta reunión falamos fundamentalemente dos libros que lemos ata o de agora: As alumnas e Golpes de luz que resultaba ser a novidade.

Gonzalo, a nosa recente incorporación desde as familias, achegounos o seu valiosísimo punto de vista sobre o que lle supuxo a lectura da obra de Paula Carballeira que tiveramos como primeira obra este curso.

Así, na obra As alumnas péchase un círculo: hai un regreso ao pasado pero volvemos ao presente no que nos iniciaramos pero dun xeito sorprendente, o que estaba a pasar non fora como se esperaba.

Resulta unha obra sinxela pero eficaz con diálogos naturais, non impostados. Aparece a educación á antiga, coa separación por sexos... O sexismo e a discriminación machista aperece en varias ocasións e a muller diferente é "marcada", como a galiña que canta, xa que só canta o galo... Pero tamén están os tópicos sobre a lingua (galego, lingua de pobres...). Aparece un mundo que moitos viviron (cartillas de racionamento) e todo isto levounos a recordar as vellas escolas de Portas (na Santiña, no Mondoiro...)


Finalmente acabamos departindo sobre o libro de Ledicia Costas, a súa habilidade para ir creando 3 puntos de vista de diferentes xeracións sobre uns feitos cotiáns que viven esas 3 idades: a avoa, a filla e o neto. Valoramos a súa sensibilidade para falar de certos temas delicados e puxemos de relevancia a aparición do humor en determinads circunstancias como cando se confunde o retrato do avó na exposición escolar co dun persoeiro de valor para a avoa...

Contra o final da xuntanza falamos de obras para o futuro. Nun primeiro lugar decidimos que podiamos pór unha obra de María Reimóndez que gañou este ano o premio Jules Verne de literatura xuvenil: Furia. Neste caso pretendemos compartir esta lectura co alumnado do secundaria xa que pretendemos traer a escritora ao centro. Deste xeito partillamos esta obra e procurariamos pasar un intre coa escritora, se é posible.

A segunda obra que propuxemos foi Invisibles de Montse Fajardo, escritora que tamén pretendemos traer tamén ao centro cara ao mes de marzo. Con esta planificación deixamos en suspenso as vindeiras reunións xa que as presenciais serían nas xuntanzas coas propias escritoras. Así, con estas propostas de cara ás vindeiras semanas deixámosvos ata o vindeira ano no club adulto.

Boas lecturas.