30 de xaneiro de 2017

Club de 6º no Día da Paz

Este luns 30 de xaneiro celebramos no noso centro o Día Escolar da Paz e da Non Violencia.

O club de lectura de 6º encargouse de preparar unha obra baseada en films e libros sobre o acoso.

A actuación titulouse "bulling" en referencia ao vacío que lle comezan a facer un grupo de amigas a unha rapaza.

A historia conta como pouco a pouco unha alumna vai quedando soa e como case todas as compañeiras do seu grupo a van abandonando.

Ao final, farta de todo, decide facerse dano para quitarse do medio. Por sorte non pasa nada irreversible pero as compañeiras reflexionan e deciden volver con ela.

Unha historia con final feliz pero que puido rematar en traxedia. A historia é real como a vida mesma. Por iso todas e todos están caladas e calados mentres se representa. Porque este conto pode non ser un conto.


A paz constrúese todos os días. A paz non só é que non haxa guerra. A paz é a non violencia. A paz é intentar construír unha convivencia entre todos e todas sen destruír aos demais. Nin máis nin menos.


16 de xaneiro de 2017

Lectura do club de 1º de ESO

O club de 1º de ESO leu a obra de María Solar O meu pesadelo favorito. A autora, que traballa de presentadora na TVG, demostra que tamén sabe comunicar coa xuventude nesta extraordinaria obra.

 Esta historia fantástica e realista sobre o mundo dos soños, a realidade, a sinceridade, os aliens e os seres fantásticos está moi ben contada e resulta moi entretida.

A obra foi Premio Lazarillo 2014 e é unha excelente obra infantil e xuvenil pero para lectores xa experimentados, que se enfronten ás máis das súas 100 páxinas que se len na carreiriña dun can.