31 de xaneiro de 2014

Conto "Os dous monstros"

Esta foi a nosa versión do conto "Os dous monstros" que preparou o club de lectura de ESO para a lectura nos cursos desta etapa educativa

Os dous monstros (Narrador, Primeiro Monstro, Segundo Monstro)

N: Había unha vez un monstro que vivía tranquilamente na aba oeste dunha montaña. Na aba este da montaña vivía outro monstro. Os monstros falaban ás veces a través dun burato da montaña. Pero nunca se viran. Unha tarde o primeiro monstro dixo:

PM: Viches que bonito? O día marcha.

SM: Que o día marcha?- respondeu o segundo monstro- Quererás dicir que a noite chega, ceporro!

PM: Zopenco! Non me chames ceporro que me enfado!

N:Saltou o primeiro monstro. E quedou tan desgustado que case non puido durmir. O outro monstro estaba tamén moi irritado e durmiu moi mal. Á mañá seguinte o primeiro monstro sentíase fatal despois da mala noite que pasara. Achegouse ao burato e berrou:

PM: Esperta, melón, que se remata a noite!

SM: Non sexas estúpido, cerebro de mosquito!- contestou o segundo- Iso é que vén o día. E agarrou unha pedra e tirouna por enriba da montaña


PM:Tes moi mala puntaría, palurdo!- berrou o primeiro monstro cando a pedra caeu sen darlle.

N:
Buscou outra pedra máis grande e lanzouna. Tamén esta pedra fallou.

SM: Non tes nada que facer, pailán, peludo, narigudo! -ouveou o segundo monstro, e botou un pedrolo que esmoucou o cume da montaña.

PM:Es unha chula de vento, rancia e pringosa! - berrou o primeiro monstro lanzando unha rocha que desprendeu outro anaco de montaña.

SM: E ti es un alcornoque vello e renegrido! -replicou o segundo monstro, esta vez, por variar deulle unha patada a unha pedra enorme.

N:A medida que avanzaba o día as pedras ían sendo cada vez máis grandes e os insultos cada vez máis longos. Os dous monstros seguían ilesos, pero a montaña íase desintegrando.

PM:Es un parvo peludo, cebón, cabeza oca e mandón!

N:Berraba o primeiro monstro tirando unha rocha xigantesca. Esa rocha rematou por destruír o que quedaba de montaña e os dous monstros víronse por primeira vez. Isto aconteceu precisamente cando empezaba unha nova posta de sol.

PM: Incrible! -dixo o primeiro monstro soltando a rocha que tiña entre as mans-  chega a noite. Tiñas razón.

SM: Asombroso! -bufou o segundo monstro deixando caer o seu pedrolo-Tiñas razón, é que o día se vai.

N:Reuníronse no medio do 
desastre que organizaran e consideraron a chegada da noite e a marcha do día.

PM: Pois foi bastante divertido - riu o primeiro monstro.

SM:Verdade que si? - riu o segundo - Pena de montaña!


Título: Os dous monstros. Autor: 
David McKee

Conto "Juul" para o Día da Non Violencia

Presentamos aquí as dúas versións do conto "Juul" que fixemos para o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. A versión infantil transforma algunhas partes do conto pero deixa a esencia fundamental do argumento. A segunda versión é un intento de achegarse fielmente ao orixinal.

Juul –versión infantil

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Juul decidiu que non quería ter orellas e desapareceron, pero agora o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras,  as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é o trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul desexou que lle desaparecesen as pernas pero a partir de entón non se puido mover.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Como se manchou nas mans quixo que desaparecesen pero entón os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha! brazos de salchicha!
 Juul entón quixo que lle desaparecesen os brazos. Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían: --que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!
Juul entón quixo que desaparecese o torso. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. E comezou a saírlle de novo o torso.
Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...
Proposta de actividades

1. Antes do conto: Facer un boneco de papel, como un inocente pero con pelo, orellas, ollos e mans (a ser posible). Tamén sería bo ter cinta fixo ou algunha cola

2. Ir dobrando as partes a medida que se vai contando no conto.

3. Despois do conto: Imos converternos en Nora: ímoslle dicir cousas bonitas para reconstruír a Juul

Cada vez que se diga algo positivo imos colando unha parte de Juul ata que consigamos reconvertelo de novo.


Juul (Versión Educación Primaria)

Juul tiña rizos, rizos vermellos como fíos de cobre, iso berraban todos:
-Fío de cobre! tes sangue no pelo! Caca vermella!
Un día Juul colleu unhas tesoiras e rizo a rizo cortounos todos.
Juul tiña a cabeza pelada e todos lle dicían:
-Bóla de billar! cara de ovo!
Por iso puxo un gorro. Ao non ter pelo, o gorro caíalle enriba das orellas e estas sobresaían un pouco.
-Orellas de soprón! Dumbo! bota a voar!- chamábano agora.
Iso teríalle gustado a Juul, voar moi lonxe de alí. De dous rabiosos tiróns Juul arrancou as orellas.
Como non tiña orellas o gorro caíalle enriba dos ollos impedíndolle ver, e empezou a chocar contra as paredes, contra os outros rapaces, contra as cadeiras, Juul vía as estrelas e empezou a mover os ollos. Entón os nenos empezaron a chamalo:
-Birollo! Birollo!Juul é un cegato
Juul pechou fortemente os ollos ata que lle saíron das órbitas, caeron ao chan como dúas bólas quentes, pero non botaron. Tiña tanta, pero tanta dor, que apenas podía pronunciar unha palabra, xemía, babeaba e balbucía mentres os outros lle dicían: 
-TatexoBaboso! gha, gha, gha miradeJuul non sabe falar! 
Juul meteu a súa lingua nun enchufe da luz, queimou media boca e a súa lingua, desapareceu.
A dor era tan insoportable que Juul apenas podía camiñar, as pernas torcíanse e  fallábanlle e os rapaces dicíanlle: 
-Juul é coxo, Juul é trenco, Juul pernas torcidas! 
Juul foi ao tren, puxo as pernas sobre as vías e cando este pasou deixou un gran regueiro vermello.
Alguén encontrou a Juul, alguén o sentou nunha cadeira de rodas, e mentres Juul empurraba e empurraba para escapar os nenos seguían berrándolle: 
-Juul o rodas! Juul o rodas!
Cando o alcanzaron, mancháronlle de porcallada as rodas, xusto aí onde el tiña que agarrarse para escapar. Deulle tanta rabia que meteu as súas mans en auga fervendo, para telas sempre limpas, pero estaba tan quente, que se queimou; e saíronlle ampolas e chagas que lle supuraban. O médico mandounas amputar e os rapaces dicíanlle:
-brazos de salchicha!
 Juul foi ao zoo, á gaiola dos leóns, meteu os brazos polos barrotes e un león comeunos.
Juul só era cabeza e torso e os nenos dicían:
-que pena de torso! se non o tivese poderiamos xogar ao fútbol coa súa cabeza!-  Así que entre todos tiraron e tiraron ata que separaron a cabeza do madeiro. Pero resultou que a cabeza, non botaba ben; e os nenos, cansos, deixaron a Juul abandonado no punto de penalti.

Entón chegou Nora. Recolleuno para o seu carro de bonecas e levouno para a casa. Lavouno, aloumiñouno, agarimouno e díxolle cousas bonitas. Despois púxolle un lapis na boca e preguntoulle:
-pero que che pasou?
Ao que Juul contestou:
Eu tiña rizos vermellos, como fío de cobre
Iso berraban todos: fíos de cobre!
Tes sangue no pelo! Caca vermella!
Por iso rizo a rizo, corteimos...

Actividade do Club de Primaria no Día da Paz

O club de Primaria fixo 12 lecturas simultáneas, unha en cada curso de Infantil e Primaria, do conto Juul.

En Infantil e primeiro ciclo fíxose unha versión adaptado do conto e en segundo e terceiro ciclo fíxose unha lectura literal da obra.

A actividade realizouse o 31 de xaneiro, un día despois do Día da Paz, porque nesa data varios grupos tiveron un acto de deporte escolar.

Actividade do Club de Lectura de ESO na celebración do Día da Paz

O club de Lectura fixo a lectura do conto de David McKee "Os dous monstros" este venres 31 de xaneiro para celebrar o Día da Paz no noso centro (atrasáronse as actividades un día porque o 30 había unha saída de diverso alumnado co deporte escolar).

A lectura para primeiro de ESO foi na biblioteca, terceiro e PDC estiveron na sala de informática e cuarto na de audiovisuais. Tanto 2ºA como 2ºB permaneceron nas súas aulas xa que teñen bos proxectores.

30 de xaneiro de 2014

Lectura sobre a non violencia e a paz en primaria

O club de lectura de primaria estivo a ler a obra Juul durante o mes de xaneiro. Esta obra sinxela pero profunda, trata sobre o acoso infantil, os insultos na nenez e a importancia da axuda e da presenza de persoas que valoren aos demais e sobre como aceptar aos demais.

Esta obra que indica como é importante valorar ao diferente para non destruír foi escollida para ler en cada clase polos integrantes do club no Día Escolar e da Non Violencia que este ano se celebrará no noso centro o venres 31 de xaneiro

Lecturas para o Día da Paz en Secundaria

O alumnado de ESO estivemos a ler e comentar os contos "A pomba da paz" e "os dous monstros" durante o mes de xaneiro. Ademais lemos a lenda "o concurso da paz" e comentamos aspectos relacionados coa non violencia, como inflúen os insultos nos demais, que nos reporta que nos valoren e que nos reporta valorar aos demais.
Ademais escollemos o conto "os dous monstros" para facer unha lectura por cursos o 31 de xaneiro en relación coas actividades da biblioteca para ese día