25 de novembro de 2017

O club de lectura de ESO contra a violencia machista





Este venres 24 de novembro realizamos no noso centro o acto principal do club de lectura contra a violencia de xénero. O alumnado de 2º de ESO que o integra, escollemos unha obra de Fina Casalderrey e Francisco Castro, O neno can, de onde sacamos a historia " A voda de Leila", ambientada nun deserto afroasiático indeterminado, onde culturalmente obrigan a casar a rapazas novas con homes maiores e móstrase o conflito que se ocasiona se unha nena di non o día da voda.

A historia representámola para toda a ESO. Realizamos unha dramatización do conto, con narración e interpretación adicionada cos diálogos da historia, que eran moitos. Na primeira quenda actuamos para 1º de ESO e na segunda actuamos para terceiro e cuarto.





Este acto completou moitas outras actividades que se veñen realizando no centro, en concreto desde o Equipo da Biblioteca que encheu de carteis o centro contra a violencia machista. Porque a violencia non é unha soa. Son moitas e as máis chamativas son as que acaban en vítimas mortais, pero ao lado hai outras moitas que non se deben invisibilizar, como a aniquilación da personalidade de moitas persoas, especialmente mulleres, obrigadas a facer o que outros queren ou deciden por elas.