30 de novembro de 2015

Neira Vilas para o Club de Lectura

Moitos e moitas que eramos uns cativos aló a finais dos 70 ou principios dos 80 do século pasado achegámonos á narrativa en galego con esta frase:

"Eu son...
Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña."

E o libro seguía, e nós detrás del, porque se naceras na aldea querías saber o que lle pasaba a aquel neno da posguerra que na década de 1940 traballaba, xogaba, ría, choraba e descubría o mundo.

Mais antes que nós xa se achegaran outras e outros e despois viñeron máis. E entre todas e todos convertemos esta obra no primeiro gran "best seller" da literatura galega, unha das obras máis lidas e editadas da nosa historia literaria.

Non nos podemos esquecer deste rapaz sinxelo inventado por un home "sinxelo" de Gres, Vila de Cruces. Mais desta imaxinación saíron máis personaxes e historias relacionadas con Galicia e a súa epopea da segunda metade do século XX: a emigración. Xosé Neira Vilas fixo máis pola cultura galega que moitas entidades que se dedican a promovela.

En lembranza deste escritor que acaba de falecer decidimos no club de lectura ler algunha obra súa para homenaxear o marabilloso mundo que nos deixou, para que non se perda:

En Secundaria: Memorias dun neno labrego

Adultos: Querido Tomás 



26 de novembro de 2015

AnálisE d'O ÚltimO TraballO DO SeñoR LunA

Este martes fixemos unha xuntanza para falar do libro de César Mallorquí gañador do premio Edebé O último traballo do señor Luna. 

A obra aborda diversos temas como os problemas de integración dos superdotados nun instituto, os desenganos amorosos na mocidade, a posibilidade de cambio de vida en persoas que viven en situación extrema, o tráfico de drogas, a diversidade cultural, etc.


3 de novembro de 2015

Libro do mes do club de ESO

Este mes eliximos como libro do club de lectura na ESO O último traballo do Señor Luna de César Mallorquí. A obra será analizada na reunión do martes 24 de novembro.