30 de novembro de 2015

Neira Vilas para o Club de Lectura

Moitos e moitas que eramos uns cativos aló a finais dos 70 ou principios dos 80 do século pasado achegámonos á narrativa en galego con esta frase:

"Eu son...
Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña."

E o libro seguía, e nós detrás del, porque se naceras na aldea querías saber o que lle pasaba a aquel neno da posguerra que na década de 1940 traballaba, xogaba, ría, choraba e descubría o mundo.

Mais antes que nós xa se achegaran outras e outros e despois viñeron máis. E entre todas e todos convertemos esta obra no primeiro gran "best seller" da literatura galega, unha das obras máis lidas e editadas da nosa historia literaria.

Non nos podemos esquecer deste rapaz sinxelo inventado por un home "sinxelo" de Gres, Vila de Cruces. Mais desta imaxinación saíron máis personaxes e historias relacionadas con Galicia e a súa epopea da segunda metade do século XX: a emigración. Xosé Neira Vilas fixo máis pola cultura galega que moitas entidades que se dedican a promovela.

En lembranza deste escritor que acaba de falecer decidimos no club de lectura ler algunha obra súa para homenaxear o marabilloso mundo que nos deixou, para que non se perda:

En Secundaria: Memorias dun neno labrego

Adultos: Querido Tomás 



Ningún comentario:

Publicar un comentario