18 de xuño de 2015

Lectura na Galiña Azul: Os tres porquiños

O club de ESO realizou unha visita á Galiña Azul e realizamos unha lectura dramatizada de Os tres porquiños na gardería pública de Portas. Lemos esta obra clásica cos seguintes papeis:
Celeste: narradora
Juanjo: porquiño novo
Natalia: porquiña do medio
Josiño: porquiño máis vello
Manuel Gorís: lobo

Logo intercambiamos impresións coas cativas, cativos e profesoras sobre a lectura do conto



Posteriormente o alumnado de 2-3 anos, coa axuda da profesora Rocío recontounos a historia a nós. Foi toda unha experiencia xa que aprendemos que unha historia pode ser contada de mil maneiras

Entrega de agasallos ao club de lectura no Festival fin de curso

No festival fin de curso o club de lectura As Portadas foi agasallado con senllos premios lectores: un pen con lecturas en galego baixo a licencia creative commons e un libro en galego da elección de cada integrante do club.

No pen, descargados desde a excelente páxina da Asociación de Tradutores Galegos e en colaboración co EDLG do noso centro, incluímos obras de Jules Verne, R. Kipling ou Jack London (pódense distribuír libremente para uso particular ou docente):
http://www.tradutoresgalegos.com/bivir.html


5 de xuño de 2015

VIII Xornadas dos Clubs de Lectura

Este venres 5 de xuño desenvolvéronse as VIII Xornadas de Clubs de Lectura organizada pola Asesoría de Bibliotecas, acto pensado para as persoas coordinadoras dos clubs.
A sesión comezou coa benvida e a entrega do I premio dos Clubs de Lectura, outorgado ao autor máis lido ou lida no curso anterior, correspondéndolle nesta primeira edición ao grande autor Agustín Fernández Paz, que non puido estar presente fisicamente por razóns de saúde pero si o fixo virtualmente cun vídeo duns 10 minutos e co que estimulou o traballo das e dos integrantes e mediadores dos clubs. A mañá continuou coas experiencias de tres centros que falaron dos clubs na construción da sociedade lectora. Despois falou o xornalista e editor da revista dixital Biosbardia.

Pola tarde repartímonos por diversas salas para escoller un dos 5 relatorios simultáneos que se impartían. Nesta edición apuntámonos ao de Marta Díaz, exprofesora do CPI Domingo Fontán e que coordina o club no seu actual centro e falou da procura de lectores e lectoras. 
O relatorio final foi de Miguel Anxo Fernández sobre novela negra e cinema. 
Coma sempre remataron as xornadas cun agasallo sorpresa, nesta caso foi... García Mc, recitando-cantando versos de poetas como Celso Emilio Ferreiro, un extraordinario fin de festa.