9 de marzo de 2023

Aires da miña terra para primaria e ESO

 No mes da poesía decidimos abordar unha obra conxunta para Primaria e ESO: imos ler unha escolma de poemas de Manuel Curros Enríquez.

A idea é que este ano fagamos unha visita co club a Celanova, onde visitaremos a Casa Museo de Curros, lugar onde viviu coa súa familia ata a mocidade.

Tamén nos achegaremos a Vilanova dos Infantes para ver a Torre e unha réplica da Virxe de Cristal, santa arredor da que había unha lenda á que o autor ourensán lle creou unha fermosa composición que o levou a obter un premio que lle supuxo moito recoñecemento na época...

Para preparar todo iso, pois, imos ler unha escolma de poemas de Aires da miña terra e tamén un fragmento da obra A Virxe de Cristal. 

7 de marzo de 2023

Poesía no club atrevido

Pasado o mes de febreiro lemos a nosa terceira "novela gráfica", Os que levan o lume, da que comentamos os seus aspectos máis salientables na xuntanza.

Aínda que as preferencias do club atrevido son a banda deseñada e a comedia, decidimos que, como estamos no mes do Día da Poesía, que nos iamos atrever cun poemario.

A elección foi unha obra que resulta moi dinámica e entretida e que xa é un clásico moderna da poesía en galego: Makinaria de Carlos Negro.