24 de novembro de 2023

Club atrevido co 25N

 Este 25N ou Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller chegou por anticipado ao noso centro xa que este venres 24 de novembro celebramos os actos conxuntos para representar diante de todo o alumnado para poñer en valor as situacións de desigualdade que se dan para as mulleres á hora de enfrontarse con situacións cotiás en diversas facetas sociais.

No club "atrevido", formado fundamentalmente por alumnado de 2º de ESO, representamos diferentes situacións do ámbito doméstico ou que se poden dar en xeral na sociedade: así, na inseguridade que pode sentir unha muller pola rúa, na perpetuación de roles machistas na casa (facer de comer, recoller, limpar, etc, como roles femininos que provocan situacións de violencia se non se cumpren...) foron os eixos das escenificacións que preparamos.

Nestas obras participamos integrantes dos dous grupos aínda que a foto feita ao final das actuacións non recoller a algúns integrantes que xa marcharan cambiarse pero que basicamente seguimos sendo os memos e mesmas das actuacións do Samaín



Club de 1º de ESO en novembro

 Durante este mes estivemos lendo as obras Instrucións para tomar café e Menú de enganos de Manuel Núñez Singala; en concreto fixemos unha escolma daquelas historias que nos parecían máis evidenciadora de situacións de machismo e moitas veces de idadismo, é dicir, de recargar certas tarefas familiares nas mulleres de idade como os xantares coa proxenie...

A historia "cocido familiar" fora a escollida para representar de cara ao 25N, pero finalmente razóns loxísticas complicadas con exames na semana final de preparación non nos permitiron ensaiar a obra todo o que quereriamos. Con todo, servíronnos de inspiración para o grupo que estivemos a lelas e aprendemos a razoar sobre situacións que aparentemente non teñen maior transcendencia pero que gardan certo cheirume machista...



Club de 6º de Primaria no 25N

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. No noso club estivemos traballando con esa idea pero comezamos, como case sempre, pola lectura dun libro. Neste caso foi a obra Barbazul, historia clásica de Ch. Perrault adaptada en Kalandraka por Tareixa Alonso. Un home casa cunha muller á que vai encerrando e apartando cada vez máis do mundo, illándoa na casa, ata que ela descobre que nunha habitación prohibida da casa aparecen os corpos sen vida das anteriores mulleres do seu marido. Finalmente, coa axuda de familiares consegue escapar das gadoupas do seu home e foxe do que tería sido un destino tráxico...

Despois desta lectura votamos para escoller entre adaptar esta obra ou facer versións libres de situacións próximas nas que se poden dar situacións de discriminación por xénero. Optamos por esta segunda vía e decidimos, tras a análise de actuacións que levan consigo machismo na nosa contorna, por representar actos relacionados co xogo entre a rapazada. Así, optamos polas historias:

"O fútbol"

"O peletre"

As historias foron representadas por:

Alba, Anette, Candela, Diana, Estela, Icía, 

Ademais, inauguramos as actuacións do 25N este venrese 24 de novembro coa lectura do seguinte manifesto (un parágrafo cada unha) para logo pasar ás actuacións que intercalamos coas de quinto.

 

Deixamos aquí o manifesto:

 

Nos últimos anos, desde moitos ámbitos lévase adoptando un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentando medidas necesarias para apoiar as vítimas e atopar algunhas solucións para este problema. Todo isto supuxo un avance significativo na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia pero, por desgraza, segue habendo vítimas que infelizmente demostran que queda moito camiño por percorrer aínda.

Por outra banda, adoitamos pensar que este problema está lonxe de nós pero con frecuencia descubrimos casos máis preto de nós do que esperariamos e iso cáusanos sorpresa, como se fosen feitos alleos á nosa comunidade pero a realidade é que están tamén ao noso redor xa que aconteceron feitos lamentables como crimes machistas en concellos próximos ao noso.

Se ben é certo que a maioría da sociedade rexeita desde hai tempo eses actos, tamén é certo que ás veces se intenta desligar ese problema do machismo que existe na comunidade na que vivimos. Pero a verdade, é que hai moitos casos nos que se comete un acto inxusto de discriminación coas mulleres e inténtase sacarlle importancia.

Eses actos que pasan inadvertidos, chamados moitas veces “micromachismos”, son máis frecuentes do que parecen e chegan a estar convivindo con nós sen que ás veces sexamos conscientes. É por iso, que mesmo no ámbito escolar ou mesmo na nosa vida cotiá poden aparecer estes feitos e é importante que os recoñezamos e os vaiamos eliminando.

Por iso, desde o club de lectura, estivemos a ler este mes algunha obra que falaba do maltrato e logo decidimos valorar situacións machistas encubertas que nos rodean para logo preparar algunhas escenificacións con elas. Mesmo desde que somos pequenos e pequenas acontecen estas situacións, polo que imos representar algunhas situacións de discrimación por xénero.

Así que, sen máis, comezamos coa representación do club de lectura para o 25N.  Achegámosvos catro historias breves preparadas polo club de primaria (dúas de 5º, dúas de 6º). Logo debería haber tamén unha historia do club de 1º de ESO, pero a última hora non puideron rematala; logo virán un par do club de 2ºA e outro par máis do club de 2ºB. Finalmente un agasallo: o alumnado de 4º preparou unha actuación en directo do tema “Lisístrata (varre vasoira)” de Fillas de Cassandra e unha actuación sorpresa do alumnado de Dixitalización. Comezamos.



25N: Club de lectura de 5º Primaria

 O club de lectura de 5º de Primaria comezou este mes con algunhas novidades: tivemos un incremento coa chegada dunha nova persoa, Diego, que se sumou á chegada de Lara a última hora no Samaín, polo que neste momento xa somos 8 persoas.

Comezamos o mes coa lectura da obra Taneke, a princesa das bruxas, de An Leysen e publicada por Kalandraka. A obra fala sobre a presión de grupo para que unha bruxa-princesa se adapte aos gustos e estilos refinados do marcado mundo protocolorio de palacio... Pero finalmente hai unha reivindicación da propia forma de ser, de aceptarnos como somos, de non adaptarnos a clixés artificiosos impostos para gustar aos demais.

 

 

Logo da lectura decidimos que facer de cara ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Debatemos se facer unha adaptación da obra lida ou partir de situacións cotiás que se dan de violencia contra a muller. Optamos por esta segunda opción e comezamos a reflexionar sobre a nosa contorna e os micromachismos, que están presentes en moitos actos da nosa vida diaria sen que nos deamos conta. Así, tras unha chuvia de ideas, quedamos en representar situacións que se dan nos xogos. Escollemos para guionizar dúas actividades de lecer como "o brilé" e "as bonecas" e partimos de situacións nas que se critican a rapaces por xogar a "xogos de nenos"; a conclusión final é que non hai xogos de nenos nin de nenas; só XOGOS para todas e todos, e que cadaquén xogue ao que lle peta...

Así, diante de todo o centro e xunto ao cartel do 25N fixemos a nosa representación este venres 24 de novembro, anticipándonos e conciendado na igualdade. As nosas obras fóronse intercalando as nosas no medio das dúas de sexto... 

E aquí estamos as 8 persoas que participamos... Ben, 7, porque Lara enfermou xusto o día da representación pero para a próxima seguro que estará en plena forma... pero si estiveron:

Aldhara, Alexia, Alma, Icía, Laura, Sergio e Roi



1 de novembro de 2023

Primeira xuntanza do club de lectura adulto

 A verdade é que este Samaín veu cargadiño porque despois da xornada que tivemos cheas de actuacións nas que houbo unha forte implicación do club de lectura, tivemos a primeira xuntanza do club adulto. Temos que congratularnos pola presenza de familias nesta primeira xuntanza e agradecemos a presenza de Gonzalo que seguramente nos achegará moitos coñecementos, ideas e puntos de vista pois cónstanos no club que é un bo lector. E despois das presentacións deste primeiro día comezamos xa coas disgresións... 

O libro que escolleramos para este inicio de curso foi As alumnas, de Paula Carballeira. Esta obra, que foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, acabou diseccionada nesta reunión presencial do club. Comentamos os valores que ten como o de reivindicar figuras protofeministas da nosa historia e que non son ben coñecidas ou mesmo totalmente descoñecidas, ademais de poñer en contrapunto dúas visións sobre a muller no tardofranquismo e canto custou superar o estereotipo da "muller tradicional". Con todo, botamos en falta a ausencia de algo máis de acción pero evidentemente a obra está pensada para unha representación a "dúas voces" ou personaxes, o que facilitará probablemente a súa representación nun escenario como o dunha cultura minorizada como a galega.

Finalmente rematamos a xornada con propostas para a seguinte obra. Despois de comentar algunhas recomendacións dos e das presentes acabamos consensuando que a seguinte obra será Golpes de luz de Ledicia Costas. Tamén decidimos que a seguinte reunión será a finais de novembro, en concreto o martes 28 de novembro ás 17.30 horas na biblioteca do centro.


VINDEIRA REUNIÓN

martes 28 de novembro de 2023

17.30 horas

Biblioteca do CPI Domingo Fontán, Portas


Estades convidadas e convidados...


POSDATA: A reunión adiouse para a seguinte semana debido á folga no ensino convocada para o martes 28 de novembro. Polo tanto, a xuntanza farase o martes 5 de decembro ás 17.30 horas.