24 de novembro de 2023

Club de 6º de Primaria no 25N

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. No noso club estivemos traballando con esa idea pero comezamos, como case sempre, pola lectura dun libro. Neste caso foi a obra Barbazul, historia clásica de Ch. Perrault adaptada en Kalandraka por Tareixa Alonso. Un home casa cunha muller á que vai encerrando e apartando cada vez máis do mundo, illándoa na casa, ata que ela descobre que nunha habitación prohibida da casa aparecen os corpos sen vida das anteriores mulleres do seu marido. Finalmente, coa axuda de familiares consegue escapar das gadoupas do seu home e foxe do que tería sido un destino tráxico...

Despois desta lectura votamos para escoller entre adaptar esta obra ou facer versións libres de situacións próximas nas que se poden dar situacións de discriminación por xénero. Optamos por esta segunda vía e decidimos, tras a análise de actuacións que levan consigo machismo na nosa contorna, por representar actos relacionados co xogo entre a rapazada. Así, optamos polas historias:

"O fútbol"

"O peletre"

As historias foron representadas por:

Alba, Anette, Candela, Diana, Estela, Icía, 

Ademais, inauguramos as actuacións do 25N este venrese 24 de novembro coa lectura do seguinte manifesto (un parágrafo cada unha) para logo pasar ás actuacións que intercalamos coas de quinto.

 

Deixamos aquí o manifesto:

 

Nos últimos anos, desde moitos ámbitos lévase adoptando un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentando medidas necesarias para apoiar as vítimas e atopar algunhas solucións para este problema. Todo isto supuxo un avance significativo na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia pero, por desgraza, segue habendo vítimas que infelizmente demostran que queda moito camiño por percorrer aínda.

Por outra banda, adoitamos pensar que este problema está lonxe de nós pero con frecuencia descubrimos casos máis preto de nós do que esperariamos e iso cáusanos sorpresa, como se fosen feitos alleos á nosa comunidade pero a realidade é que están tamén ao noso redor xa que aconteceron feitos lamentables como crimes machistas en concellos próximos ao noso.

Se ben é certo que a maioría da sociedade rexeita desde hai tempo eses actos, tamén é certo que ás veces se intenta desligar ese problema do machismo que existe na comunidade na que vivimos. Pero a verdade, é que hai moitos casos nos que se comete un acto inxusto de discriminación coas mulleres e inténtase sacarlle importancia.

Eses actos que pasan inadvertidos, chamados moitas veces “micromachismos”, son máis frecuentes do que parecen e chegan a estar convivindo con nós sen que ás veces sexamos conscientes. É por iso, que mesmo no ámbito escolar ou mesmo na nosa vida cotiá poden aparecer estes feitos e é importante que os recoñezamos e os vaiamos eliminando.

Por iso, desde o club de lectura, estivemos a ler este mes algunha obra que falaba do maltrato e logo decidimos valorar situacións machistas encubertas que nos rodean para logo preparar algunhas escenificacións con elas. Mesmo desde que somos pequenos e pequenas acontecen estas situacións, polo que imos representar algunhas situacións de discrimación por xénero.

Así que, sen máis, comezamos coa representación do club de lectura para o 25N.  Achegámosvos catro historias breves preparadas polo club de primaria (dúas de 5º, dúas de 6º). Logo debería haber tamén unha historia do club de 1º de ESO, pero a última hora non puideron rematala; logo virán un par do club de 2ºA e outro par máis do club de 2ºB. Finalmente un agasallo: o alumnado de 4º preparou unha actuación en directo do tema “Lisístrata (varre vasoira)” de Fillas de Cassandra e unha actuación sorpresa do alumnado de Dixitalización. Comezamos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario