1 de novembro de 2023

Primeira xuntanza do club de lectura adulto

 A verdade é que este Samaín veu cargadiño porque despois da xornada que tivemos cheas de actuacións nas que houbo unha forte implicación do club de lectura, tivemos a primeira xuntanza do club adulto. Temos que congratularnos pola presenza de familias nesta primeira xuntanza e agradecemos a presenza de Gonzalo que seguramente nos achegará moitos coñecementos, ideas e puntos de vista pois cónstanos no club que é un bo lector. E despois das presentacións deste primeiro día comezamos xa coas disgresións... 

O libro que escolleramos para este inicio de curso foi As alumnas, de Paula Carballeira. Esta obra, que foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, acabou diseccionada nesta reunión presencial do club. Comentamos os valores que ten como o de reivindicar figuras protofeministas da nosa historia e que non son ben coñecidas ou mesmo totalmente descoñecidas, ademais de poñer en contrapunto dúas visións sobre a muller no tardofranquismo e canto custou superar o estereotipo da "muller tradicional". Con todo, botamos en falta a ausencia de algo máis de acción pero evidentemente a obra está pensada para unha representación a "dúas voces" ou personaxes, o que facilitará probablemente a súa representación nun escenario como o dunha cultura minorizada como a galega.

Finalmente rematamos a xornada con propostas para a seguinte obra. Despois de comentar algunhas recomendacións dos e das presentes acabamos consensuando que a seguinte obra será Golpes de luz de Ledicia Costas. Tamén decidimos que a seguinte reunión será a finais de novembro, en concreto o martes 28 de novembro ás 17.30 horas na biblioteca do centro.


VINDEIRA REUNIÓN

martes 28 de novembro de 2023

17.30 horas

Biblioteca do CPI Domingo Fontán, Portas


Estades convidadas e convidados...


POSDATA: A reunión adiouse para a seguinte semana debido á folga no ensino convocada para o martes 28 de novembro. Polo tanto, a xuntanza farase o martes 5 de decembro ás 17.30 horas.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario