5 de decembro de 2023

Reunión do club adulto

Este martes 5 de decembro realizamos a 2ª xuntanza do club adulto. Nesta reunión falamos fundamentalemente dos libros que lemos ata o de agora: As alumnas e Golpes de luz que resultaba ser a novidade.

Gonzalo, a nosa recente incorporación desde as familias, achegounos o seu valiosísimo punto de vista sobre o que lle supuxo a lectura da obra de Paula Carballeira que tiveramos como primeira obra este curso.

Así, na obra As alumnas péchase un círculo: hai un regreso ao pasado pero volvemos ao presente no que nos iniciaramos pero dun xeito sorprendente, o que estaba a pasar non fora como se esperaba.

Resulta unha obra sinxela pero eficaz con diálogos naturais, non impostados. Aparece a educación á antiga, coa separación por sexos... O sexismo e a discriminación machista aperece en varias ocasións e a muller diferente é "marcada", como a galiña que canta, xa que só canta o galo... Pero tamén están os tópicos sobre a lingua (galego, lingua de pobres...). Aparece un mundo que moitos viviron (cartillas de racionamento) e todo isto levounos a recordar as vellas escolas de Portas (na Santiña, no Mondoiro...)


Finalmente acabamos departindo sobre o libro de Ledicia Costas, a súa habilidade para ir creando 3 puntos de vista de diferentes xeracións sobre uns feitos cotiáns que viven esas 3 idades: a avoa, a filla e o neto. Valoramos a súa sensibilidade para falar de certos temas delicados e puxemos de relevancia a aparición do humor en determinads circunstancias como cando se confunde o retrato do avó na exposición escolar co dun persoeiro de valor para a avoa...

Contra o final da xuntanza falamos de obras para o futuro. Nun primeiro lugar decidimos que podiamos pór unha obra de María Reimóndez que gañou este ano o premio Jules Verne de literatura xuvenil: Furia. Neste caso pretendemos compartir esta lectura co alumnado do secundaria xa que pretendemos traer a escritora ao centro. Deste xeito partillamos esta obra e procurariamos pasar un intre coa escritora, se é posible.

A segunda obra que propuxemos foi Invisibles de Montse Fajardo, escritora que tamén pretendemos traer tamén ao centro cara ao mes de marzo. Con esta planificación deixamos en suspenso as vindeiras reunións xa que as presenciais serían nas xuntanzas coas propias escritoras. Así, con estas propostas de cara ás vindeiras semanas deixámosvos ata o vindeira ano no club adulto.

Boas lecturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario