15 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS: Invisibles; relatos do maltrato

A obra escollida este mes polo club de lectura de adultos foi Invisibles, relatos do maltrato. 

Esta obra de Montse Fajardo é a seleccionada no mes que se celebra o Día contra a violencia machista: o 25 N.

Estes 7 relatos transpórtanos a un mundo no que imos comprendendo moito mellor a complexidade que se agocha detrás da violencia machista e o silencio que aparece nas vítimas: as voces femininas debullan con mestría como a ilusión e esperanzas iniciais depositadas no home amado se van transformando en desacougo, incomodidade e finalmente medo e pavor. A frecuente incredulidade e incomprensión da sociedade, mesmo dos máis achegados, tecen unha arañeira que conduce as vítimas a autoculpabilizarse e/ou autoocultarse, especialmente ao principio. Os difíciles pasos para saír desa situación, o apoio de amiga/os ou familiares que se van facendo conscientes da situación son chaves para acabar saíndo dunha situación que, por desgraza, nalgúns casos non teñen volta atrás.

Parabéns para Montse por trasladarnos ao mundo das vítimas reais. Porque si, non daban o perfil, pero acabaron sendo vítimas.

E si, está baseado en feitos reais.

Pero non por iso é mellor. O mellor sería que non tivese acontecido. Pero xa que pasou, sigamos a tomar conciencia grazas a este marabilloso libro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario