27 de maio de 2014

Non somos unha soa cousa: Somos diverxentes

A lectura deste mes fala das diferentes maneiras de ser e de como clasificar as persoas. Nun mundo futuro, na cidade de Chicago, clasifican en cinco categorías ás persoas. Aos 16 anos faise unha proba que determina a que grupo pertence cada unha: 1) Verdade, 2) Erudición, 3) Cordialidade, 4) Ousadía, 5) Abnegación. Tris, unha adolescente que fai a proba dá como resultado a pertenza a distintos grupos, é unha DIVERXENTE. Os diverxentes son perseguidos porque non encaixan perfectamente en ningún grupo, polo que deben ter coidado de non ser descubertos.
Nesta época de reformas educativas nas que a tod@s se nos quere facer pensar o mesmo, con probas que aseguren que todo é igual, uniforme, DIVERXENTE, resulta un desafío para os sistemas establecidos, onde se incita a pensar aos adolescentes na posibilidade de ser máis que unha cousa, de ser diversos, diferentes, e non por iso raros.

Divergent, a primeira novela de Veronica Roth publicouse en 2011; é a primeira parte dunha triloxía que continuou con Insurgent (2012) e Allegiant (2013). Conta, ademais, cunha versión cinematográfica dirixida por Neil Burger

16 de maio de 2014

Representación do club de lectura para as Letras Galegas

O club de lectura As Portadas encargouse de preparar unha dramatización da vida de Xosé María Díaz Castro para a homenaxe que lle rendemos ao escritor que se lle dedica este ano 2014. O club encargouse de ler tamén o guión e os microtextos finalistas no concurso do noso centro.

25 de marzo de 2014

A lección de August

A lección de August é a nosa obra de lectura para este mes de marzo. Unha obra sinxela que aborda temas complexos pero relativamente cotiáns. 

 Non xulgues un libro/persoa pola súa cara


Esta obra está a ser un éxito editorial en varias partes do mundo. Parte do éxito está na súa sinxeleza na narración pero o interesante é as leccións que nos vai ofrecendo un neno que comeza á escola e que ten unha deformación na cara. Como o miran, como se mira e como vai cambiando a súa mirada do mundo faranos descubrir a nós unha nova ollada sobre o que nos rodea.

11 de marzo de 2014

Reunións do club no mes de marzo

REUNIÓNS CLUB DE LECTURA MARZO:

PRIMARIA
Martes 11 de marzo ás 15.05 horas
Martes 25 de marzo ás 15.05 horas


ESO
Martes 11 de marzo ás 14.30 horas

Martes 25 de marzo ás 14.30 horas

28 de febreiro de 2014

Lectura das ladaíñas do entroido

Como case todos os anos, temos ladaíñas para o entroido. O club de lectura encargámonos de ler os versos críticos co centro, co profesorado e coa sociedade en xeral.

27 de febreiro de 2014

Ter e non ter.

Este luns 24 de febreiro quedamos a ver o film clásico Ter e non ter, baseado na novela de Ernest Hemingway. Como sempre, a sesión foi en versión orixinal con subtítulos.


Ficha Técnica:
Título: To have and have not (ter e non ter)
Ano: 1944
Produción: Warner Bros, Estados Unidos
Director: Howard Hawks
Guión: Jules Furthman & William Faulkner (Novela: Ernest Hemingway)
Música: Franz Waxman



A película baséase no coñecemento de Harry Morgan e Mary Browning nunha situación de ocupación de La Martinica como colonia francesa pero na que Francia está baixo control e dominio nazi.

Con todo, a novela é moito máis dura, céntrase no contrabando e nos problemas entre contrabandistas, policía e revolucionarios.




13 de febreiro de 2014

Metáforas e frases de amor comentadas no club de ESO

Presentamos unha pequena escolma de metáforas e frases de amor escollidas no club "As Portadas" de ESO.

METÁFORAS DE AMOR

O amor é resgatarte
das cadeas do nome
                X. L. Méndez Ferrín

Ao primeiro non a vía. Era aceno no vento.
Entroume pouco e pouco na vida, traizoeira.
                X. L. Méndez Ferrín

Tamén se facía cerva
De pé branco.

E señorita das fontes
Serpe amiga de caravel na boca
                X. L. Méndez Ferrín

FRASES CÉLEBRES SOBRE O AMOR
O amor é o único que medra cando se reparte
Antoine De Saint Exupery

A única forza e a única verdade que hai nesta vida é o amor. O patriotismo non é máis que amor, a amizade non é máis que amor.
            José Martí

O amor xamais reclama, dá sempre. O amor tolera, nunca se irrita, xamais se vinga.

            Indira Gandhi