29 de maio de 2012

nOiSeS oFF!: qUe RuÍnA dE fUnCiÓn!

A película deste trimestre final de curso está baseada nunha obra de teatro e trátase do xénero da comedia (completando así os xéneros de terror e drama da 1º e 2º trimestre do curso respectivamente). A obra titúlase Noisses off que se traduciu por Que ruína de función! en castelán (que malas traducións se fan ás veces das películas en castelán, en fin).

O film é unha peli que trata sobre unha representación teatral (ben, uns actores e actrices que están preparando unha obra cómica) e está feita como se fose en certo modo teatro, xa que ten tres partes que serían como os tres actos dunha comedia teatral. As 3 partes serían:

1) ensaio da obra o día antes da estrea pero, como pasa moitas veces, aínda está moi verde a obra; a actriz principal olvídase do prato de sardiñas co que ten que saír á escena, algún actor non aparece, rompen cousas, o director desespérase...

2) A obra estréase pero uns empezan a discutir con outros e mentres se escoita parte do "primeiro acto" o que vemos realmente pasa detrás do escenario, sen falar, con toda a compañía que está desquiciada porque uns se senten traizoados polos outros.

3) A obra chega a Nova York e o director pensa que van destrozar a obra, a crítica machacarao, non volverá dirixir e... curiosamente, a obra triunfa, todo sae mal pero ben ou ben pero mal pero a xente non se dá de conta e os problemas entre a compañía comezan a arranxarse.

As 3 partes están ben interrelacionadas entre si e os detalles dun "acto" teñen que ver co seguinte. Así prodúcense unha sucesión interminable de portas que se abren e pechan,  pelexas dentro e fóra do escenario, entre bambolinas e ata no patio de butacas ata que saen, case sen querer, as envexas, os romances e a humanidade dun grupo de personaxes que ao final son bastante solidadrios entre si.

 Destacan actores que ademais na década de 1980 foran moi famosos en Estados Unidos: Carol Burnett, John Ritter, Michael Caine ou un irrecoñecible Christopher Reeve (Superman). As actuacións son moi boas e cribles, facendo que todo cadre perfectamente nesta obra: o aproveitado, a parviña, os "desaparecidos", o borracho, o despistado, en fin, un cadro variado e variable que agocha ao mesmo tempo moita tenrura no medio de tanta debilidade humana. 

Conclusión: hai que vela, ou lela, ou o que se queira, pero se tendes un pouco de paciencia pasaredes un divertido anaco de tempo con esta película baseada na obra teatral de Michael Frayn.

Club de Lectura "As Portadas"

6 comentarios: