20 de novembro de 2013

Encontro dos clubs de lectura de Cuntis, A Estrada e Portas

O pasado martes 12 de novembro fixemos un encontro dos clubs de lectura do CPI Aurelio Rei de Cuntis, do IES Losada Diéguez d'A Estrada e do CPI Domingo Fontán de Portas.

Pola mañá fixemos unha visita guiada con dramatizacións nos xardíns do Pazo de Oca, na Estrada.

Logo fomos xantar á area recreativa de Agronovo en Vedra, xunto ao río Ulla, onde fixemos algunhas actividades de animación conxuntas.

Finalmente desprazámonos ata o Mosteiro de Carboeiro onde fixemos unha visita do recinto eclesiástico restaurado e escoitamos as historias do contacontos Celso Fernández Sanmartín.


Actividades do club de lectura de Secundaria.

En Secundaria tamén preparamos unha actividade para os actos do Samaín da biblioteca, en colaboración cos departamentos de lingua inglesa e lingua galega.

A actividade consistiu en dramatizar o conto "tintitirintin", traducido simultaneamente de inglés para galego cunha narradora en cada idioma, un enterrador de cada fala e unha pantasma de cada lingua. Polo medio do público os zombis interactuaron co público ao final. Non sabemos que deu máis medo, se o conto ou a representación que fixemos...




Podedes ver máis fotos da representación no blog da biblioteca:


Actividades do club de lectura de Primaria para Samaín

A primeira actividade pública que preparamos no club de lectura de Primaria para este curso 2013-2014 foi a dramatización do conto Fiz, o coleccionista de medos.


A obra, con texto de Fina Casalderrey e ilustracións de Teresa Lima, foi adaptada polo club de lectura de Primaria con medos propios (vampiros, zombis, monstros, etc) para o mércores 30 de novembro. Representámola na biblioteca do centro para as actividades do Samaín e podedes ver máis fotos da representación no blog:

http://bibliocpidomingofontan.blogspot.com.es/

Club de lectura de Secundaria 2013-2014

O club de lectura As Portadas comezou un novo curso en Secundaria. Neste ano lectivo 2013-2014 conta cun grupo de alumnado de 4º que xa formara parte do club en 3º. Ademais temos a incorporación dunha persoa de 1º e unha de 2º.
Comezamos as actividades e reunións a finais de setembro e xa estamos na lectura e na dinamización lectora outra vez.

Club de lectura de Primaria 2013-2014

Un novo curso comezou e desde primeiros do mes de outubro xa estamos a facer reunión do club de lectura de Primaria.

Este ano fixemos unha reunión á que asistiron 25 persoas. Finalmente entregaron autorización 22 de 3º, 4º e 5º. Alumnado histórico de 6º non entrou nun primeiro momento no club pero agora parte dese alumnado está solicitando as autorizacións para anotarse.